Opinión

Bancos todos malos

Non deixa de ser simpático (por non dicir tráxico) a denominación esa, xa tan popular e asumida de "banco malo" para referirse ao resultado seica inevitable do proceso de metamorfose (ao máis literal xeito kafkiano) das antigas caixas (que dalgunha maneira eran de todos) nun banco malo (que vai ser duns poucos).

Non deixa de ser simpático (por non dicir tráxico) a denominación esa, xa tan popular e asumida de "banco malo" para referirse ao resultado seica inevitable do proceso de metamorfose (ao máis literal xeito kafkiano) das antigas caixas (que dalgunha maneira eran de todos) nun banco malo (que vai ser duns poucos). Mais o que non é simpático, senón patético, é que convivamos con esa posibilidade sen alterarnos o máis mínimo e como se nada pasase. Que van deixalo nun banco malo? Pois nada, que iso comigo non vai e eu sego coa miña vida como se tal cousa. É como o da comida lixo. Sempre me fascinou xa non tanto que se lle chamase así senón o feito de que, a pesar de chamarse así, a xente segue consumíndoa igual, non diminúe a súa voracidade e, incluso, levamos ás nosas crianzas a tomala con alegría que, ademais, levan un agasallo de recordo. Dalgunha maneira, é como se non tivesemos problemas para convivir coa vergonza, para sobrevivir e incluso realizarnos, entre a miseria ignorando que é, precisamente, miseria o que nos circunda e para nada realiza. E por iso, imaxino, non facemos a revolución cando nos falan de minijobs, de abaratar o despido para fomentar a contratación (de escravos?) ou de, que é o que hoxe me importa, que hai que facer todo o que sexa necesario, todos os sacrificios que se nos esixan para rescatar á banca. E xa nada nos afecta e, a forza de que nos falen así, xa non entendemos nada. E cando nos contan que o que foi unha entidade bancaria que máis ou menos funcionaba (ou cando menos non sabiamos dos seus terribles problemas alí agochados) como era Novacaixagalicia, que agora ten que reconverterse nun posible, probable, hipotético, banco malo, pois iso, nós, ao noso, a ver se Celta e Dépor resucitan e evitan o descenso. Cando o cualificativo é brutal e, aínda que non tendo moi claro que significa (recoñezo que non sei moi ben que clase de banco pode ser ese, que implica de verdade que sexa un banco malo), é obvio que un pouquiño si que nos debería preocupar.

Ou moito.

Porque aínda que estamos acostumados á perversión da linguaxe o certo é que non deberiamos estalo. E algo, non sei que, pero algo debería pasar cando se nos presenta, con absoluta naturalidade (os que nos gobernan están ben traquilos e acougados e non lles quita o sono o resultado da folga do outro día, crédeme, impórtalles un pemento), que hai que rescatar aos bancos. Non á xente. Aos bancos. Non á cultura. Aos bancos. Non as axudas á dependencia, ou para previr a violencia de xénero, ou para dotar as bibliotecas ou calquera asunto así. Non. Para os Bancos.

E digo para os bancos tantas veces porque velaí está a perversión lingüística da que falo. Porque nos din que hai que rescatalos, ao bos e aos malos, ao mesmo tempo que eses mesmos bancos que maxinamos agonizantes moribundos medio mortos alentando con dificultade, eses mesmos, presentan, en público!!!, a conta de resultados para dicirnos que tamén no que vai de ano que gañaron cartos. Se había unha oportunidade para estar calados e disimular era esta. E isto dávos a medida do pouco que lles importamos e do moito que lles esvara, chulitos, todo. Piden para ser rescatados. Pero dan unha rolda de prensa para explicar os seus beneficios (disimula...disimula...debería terlles dito alguén). De feito, esta mesma semana, a filial de Bankia, xa saben, ese negocio seica ruinoso que temos que pagar entre todos, informou que a súa filial nos EUA, City National Bank of Florida, que así se chama o anxiño, presentou un beneficio neto de 32,2 millones de dólares (unos 26 millones de euros) durante os nove primeiros meses do ano.

E todo isto faise con absoluto descaro, sen disimulos e a plena luz do día. Confiados. Porque saben que pasamos da bancos bos, dos malos e dos regulares. Ou quizais porque no fondo intuImos que todos son malos.

Comentarios