Opinión

Angrois: a Audiencia blinda o Estado

As resolucións da Audiencia Provincial que desimputan o ADIF, os seus técnicos de seguranza e a súa cúpula directiva


As resolucións da Audiencia Provincial da Coruña que desimputan o ADIF, os seus técnicos de seguranza e a súa cúpula directiva, exoneran de toda responsabilidade ao Estado na traxedia de Angrois, a máis grave das terrestres acontecidas en Galiza na época contemporánea, con 79 vítimas mortais.

A xustiza española falla a favor da estratexia do Estado, que desde un primeiro momento puxo todos os focos no maquinista, Francisco Garzón, como único culpábel do sinistro. A Audiencia Provincial desbarata así a sensata instrución realizada até o de agora polo xuíz Luis Aláez, quen advertiu, xa nas súas dilixencias preliminares, que foron decisións previas adoptadas por cargos políticos e técnicos -a omisión de medidas de seguranza básicas- as que criaron as condicións que, unidas ao despiste do condutor do comboio, produciron a catástrofe.

A Audiencia Provincial desbarata así a sensata instrución realizada até o de agora polo xuíz Luis Aláez

Na súa argumentación, a Audiencia razoa que o xuíz non ten achegado probas con relevancia penal suficiente que liguen o ADIF coa xénese da catástrofe. Neste razonamento existe unha enorme carga subxectiva, máis propia dos intereses políticas do que da lóxica xurídica. Acaso non é evidente que foron cargos do ADIF os que deixaron sen ERTMS os Alvia que circulaban na liña Ourense-Santiago? Acaso non é evidente que a ausencia dese sistema foi determinante no fatal desenlace do accidente? Non se poden deducir responsabilidades penais de decisións que entregaron a seguridade das e dos pasaxeiros a unha soa persoa, susceptíbel de cometer un erro humano?

Anima hipocritamente a Audiencia Provincial ao xuíz a perseverar na investigación, en orde a achegarlle probas que si teñan relevancia penal. Mais o xuíz dispón de medios limitados, e até a Xunta ve caro o orzamento que algúns peritos, enxeñeiros, exixen para realizar probas periciais que puidesen deitar luz sobre o sucedido.

En realidade, as resolucións da Audiencia non perseguen máis que defender os intereses do Estado, mentres a Xunta non fai nada para defender os de Galiza e honrar a memoria das vítimas.

Comentarios