Opinión

Altri e o BNG

[CARTA Á DIRECTORA]

Pedro Alonso

Leo neste xornal unha nova segundo a cal, o alcalde de Agolada, pertencente ao Partido Anticorrupción y Justicia, practica unha actitude obstrucionista que está a impedir exercer os dereitos de alegación e defensa de numerosos veciños e veciñas deste concello que teñen predios e propriedades afectadas polo proxecto da celulosa de Altri na Ulloa, a exposición pública nas dependencias municipais.

Que un partido autodenominado “Anticorrupción y Justicia” actúe precisamente para menoscabar os dereitos fundamentais da xente e para beneficiar indirectamente o avance do proxecto industrial dunha multinacional é unha metáfora ben acaída do esvaciado e perversión semántica da linguaxe que caracterizan na actualidade a acción política da dereita e da extrema dereita. Franquistas recalcitrantes decláranse constitucionalistas e demócratas en contraposición a proetarras e nazionalistas. Milicias nazis ucraínas son cualificadas como defensoras da liberdade e o xenocidio máis extremo é relativizado e contextualizado dentro de supostas iniciativas de autodefensa.

Ignoro se este tipo de malabarismos e timos comunicativos chegarán algún día a campar tamén na acción política do nacionalismo galego. Tras a vitoria do PP nas últimas eleccións autonómicas, ábrese paso a idea de reducir o calado político para favorecer a penetración epidérmica na base electoral. Chámase agora “transversalización”. Non me parece mal. Se se quere iniciar unha xeira de oito, doce ou dezaseis anos que aproveite as limitadas oportunidades do denominado sistema autonómico para demostrar as virtudes e potencialidades dun goberno por e para o país, é inevitábel ampliar enormemente a base militante e de simpatizantes. Agora ben, que para comezar esa viaxe se estea nestes momentos a dubidar na natureza e obxectivos fundamentais da defensa da nación e da intensidade coa que enfrontala, anuncia, sospeitamos, algo de capital importancia no debate ideolóxico que debe nutrir unha organización como o BNG. 

Non se trata de escoller entre diferentes perspectivas tácticas ou mesmo estratéxicas para percorrer o camiño da hexemonía institucional. Considerar que un posicionamento contundente en contra do proxecto de Altri vai ocasionar a perda política dunha comarca ou que influirá negativamente no proceso de construción da nova opinión pública, invalidando os esforzos comunicativos precisos para “centrar”, “moderar” e “positivizar” a marca BNG, non debe xerar temor. En realidade, trátase dunha magnífica oportunidade para a pedagoxía política, pondo en destaque a idea da visión integral do país, do seu desenvolvimento equilibrado e autocentrado e da interrelación entre as comarcas do interior, como A Ulloa, e as da beiramar, como Arousa. Renunciar a isto é renunciar ao ADN e á xénese política naquelas augas aínda bravas de Castrelo de Miño. Esa nova xeración que comanda o BNG deberá despregar unha acción política e comunicativa que implicará facer notábeis esforzos para explicar a dimensión e transcendencia negativas do proxecto Altri. Sen esquecer entrar directamente na confrontación co PP pola praxe política manipuladora e chea de falsidade, resultado dunha asociación sospeitosa coa multinacional lusa.    

Esa travesía sinuosa cara á conquista institucional posibelmente teña que descargar algún lastre. A intervención pública de Alcoa pode ter xustificación no enorme impacto social da perda desa industria e no carácter transitorio da intervención. Mirar para outro lado na política forestal, tolerar unha nova fase da industrialización de enclave ou tirar a toalla fronte ao extractivismo máis voraz non axudará a centrar o BNG na defensa do país. Será a recta final cara á desfeita completa do proprio país.

Comentarios