Opinión

A visita da vella señora.Unha historia de corrupción.

A Visita da Vella Señora, peza teatral de Friedrich Dürrenmatt, suízo alemán, escrita no ano 1956, sitúanos no momento actual da crise e perante os mesquiños comportamentos humanos que se repiten como as crises.

A Visita da Vella Señora, peza teatral de Friedrich Dürrenmatt, suízo alemán, escrita no ano 1956, sitúanos no momento actual da crise e perante os mesquiños comportamentos humanos que se repiten como as crises. 

Utilizando o grotesco como mecanismo brechtiano de distanciamento, móstranos unha poboación, metáfora dun país, agardando unha antiga compatriota que se enriqueceu desmesuradamente até dar nunha ser opulenta e acadar un enorme poder. Agardan na estación de ferrocarril a súa chegada, facéndose ilusións sobre as dádivas que van proporcionarlle riqueza e nivel de vida.

Cando a anciá descende do tren, mesmo se é unha figura grotesca, que mal se ergue co bastón sobre unha perna artificial, e acciona cunha man tamén postiza, atemoriza con voz averdugada e actitude arrogante a todas as autoridades civís e relixiosas, aos profesionais e á xente do común que acode a recibila. 

Xa pode estar decrépita, igualmente vai ser seguida e adorada pola multitude, fascinada polo seu poder. Un poder que radica na riqueza e ha ter como contrapunto o servilismo, a submisión, o acatamento.

A vella señora odia os seus paisanos e vén vingarse. Denúnciaos, e fainos saber que foi inxustamente tratada cando era unha mociña loura, Clara, Clariña, a quen o propio mozo traizoa. Pobre, embarazada e escarnecida escapou do pobo hai moitos anos. Acabou nun prostíbulo onde coñeceu un millonario do que se valeu para facerse moi rica. 

“O pobo, prostituíuna, agora ela chega para converter ese pobo nun prostíbulo.” A interpretación é: o sistema patriarcal prostitúea como muller, e ela, coa axuda do capitalismo, consegue converter a sociedade humana nun prostíbulo. Desprezada e pobre, foi comprada; ostentosa e rica, é ela quen compra. O diñeiro é o seu instrumento de dominación.

"Trátase de corrupción. De quen se fai ric@ corrompéndose e corrompe os demais coa súa riqueza. A mesma víbora mordéndose a cola". 
 

Ten sede de vinganza. Xa derramou a algúns dos seus detractores e agora pide a cabeza do seu antigo noivo, un comerciante do pobo. A obra móstranos como unha sociedade que se hipoteca para prosperar, para lucir, vítima do consumismo, ten un prezo. Véndese polo diñeiro que a señora ofrece. Matan e reparten a culpa.


A culpa de quen é? Dos que votan o PP, corean nas  manifestacións. Culpas? Concepto cristián.

Trátase de corrupción. De quen se fai ric@ corrompéndose e corrompe os demais coa súa riqueza. A mesma víbora mordéndose a cola. 

Velaí a lección que manifesta a versión da obra de Dürremat,  posta en escena por  Nuno Cardoso, traducida por Joâo  Barrento, representada o sábado 30 de marzo no Centro Cultural Vila Flor de Guimarâes. Poderana  ver en Porto do 10 ao 14 de xullo no Teatro Nacional Sâo Joâo. 

Menos mal que nos queda Portugal.