Opinión

A vida é unha merda, amigo

Teño por costume camiñar todas as mañás a primeira hora uns seis quilómetros, no percorrido polo barrio do Calvario e a Dobrada en Vigo coincido a diario con aqueles que van andando ao traballo, e nos fins de semana con algúns mozos e mozas que volven dos bares e pubs do centro.


Teño por costume camiñar todas as mañás a primeira hora uns seis quilómetros, no percorrido polo barrio do Calvario e a Dobrada en Vigo coincido a diario con aqueles que van andando ao traballo, e nos fins de semana con algúns mozos e mozas que volven dos bares e pubs do centro. Hai uns días chamoume a atención que dous mozos, de pouco máis de vinte anos, que viñan de fronte pola beirarrúa, un chisco antes de pasar xunto de min un deles dixera en voz alta para que o escoitara, sen ningunha xenreira, como desafogo, “a vida é unha merda, amigo”. Momentos antes vira a un ancián remexendo no lixo ¿na procura de comida ou de algo que lle servira? Para alén do motivo, non é unha situación que alente ao optimismo. Son escenas que reflicten con toda crueza como a crise bate nas clases populares.

As consecuencias máis dramáticas son as das persoas que carecendo de todo dormen na rúa e procuran comida onde poden. Os albergues e entidades que dan de comer gratuitamente non dan abasto. Non menos preocupante e que milleiros de persoas emigren, moitos deles con altas cualificacións profesionais. Dicíame un coñecido que na Arxentina xa hai uns 2.000 técnicos en informática chegados nos últimos anos do noso país. Na formación de cada un deles gastáronse moitos cartos, que debían servir despois para aumentar a competitividade das empresas e mellorar os servizos na Galiza, agora todo ese esforzo perdese en beneficio doutros países. Mesmo desde a Xunta e outras institucións alentase a emigración, considerase que aumenta as posibilidades profesionais da nosa mocidade. Pouco se distingue esta leria da que empregaba a ditadura franquista. Esquecen (intencionadamente?) que a emigración remata coa xuventude das persoas, divide familias, implica unha adaptación que non sempre é doada, longas xornadas de traballo e as máis baixas condicións laborais. Ademais, o emigrante fai crecer a man de obra de reserva alí onde vai, con todo o que isto significa.

Chama a atención que o acelerado deterioro das condicións de vida, algo recoñecido polo mesmo Goberno central e a Xunta, despois non se rexistre nas estatísticas. Será por que se quere dar unha idea cara Bruxelas de que as cousas non van tan mal? ou ¿carecen da rigorosidade necesaria? Por exemplo, a Enquisa Sobre as Condicións de Vida das Familias non reflicte que a crise tivera unhas consecuencias tan graves. Concretamente, mentres que no ano 2004 na Galiza o 58,6% das persoas tiñan algunha dificultade para chegar a final de mes, no 2012, despois de varios anos de crise, só aumento a porcentaxe até o 61,8%, practicamente nada. Ao considerar exclusivamente as persoas con bastante e moita dificultade, a porcentaxe é do 24,6% no 2004, e do 31,6% no 2012. Aínda que se trata neste caso dun medre significativo, semellan datos que están moi por debaixo da realidade.

"O certo é que, para alén da escenificación de preocupación e as promesas dun futuro mellor para evitar unha maior contestación social, o Partido Popular segue con teimosía seu guión favorábel á concentración e centralización do poder e a riqueza na alta burguesía, sen ter en consideración os custes sociais"

O certo é que, para alén da escenificación de preocupación e as promesas dun futuro mellor para evitar unha maior contestación social, o Partido Popular segue con teimosía seu guión favorábel á concentración e centralización do poder e a riqueza na alta burguesía, sen ter en consideración os custes sociais. Así, co argumento da competitividade e de equilibrar as contas públicas, rebaixa e privatiza prestacións e servizos públicos, aumenta os impostos indirectos e de servizos básicos, e esmaga os salarios e dereitos laborais. As única salvidade é aumentar as subvencións ás entidades benéficas ligadas á igrexa, convertendo en normal a dependencia que orixina a esmola, fronte a dignidade do dereito. Mais, ao mesmo tempo, sen ningún rubor, aplicando unha dobre vara de medir, baixa a presión fiscal aos máis ricos e ás grandes corporacións, directamente ou mediante exencións, e aumenta as axudas ás empresas, e moi especialmente ás entidades bancarias privadas. Consecuencias, as rendas dos salarios perden peso no PIB que gañan as do capital (como se isto non afectase á competitividade exterior, da que tanto falan); e ademais medran as desigualdades entre as nacións que integran o Estado español, afondándose as situacións de dependencia e colonización.

En fin, ten razón ese mozo descoñecido, que expresaba que “a vida é unha merda”, porén non debe esquecer que depende de nós que deixe de selo. Dependerá de que as mobilizacións esporádicas, sectoriais ou locais, se convertan nunha contestación constante e masiva. Dependerá de que o anoxo laboral, veciñal, de xénero, ecoloxista, se converta nun proxecto de liberación nacional e social de Galiza, sustentábel, democrático, que dea protagonismo real ás clases populares. A vida é unha merda para unha gran parte da sociedade galega (e do mundo), mais pode deixar de selo... ¡depende de todos e de cada un de nós!

 http://manuelmera.blogaliza.org/