Opinión

A Troika arruína Portugal

 

 

A decisión do Tribunal Constitucional portugués de chumbar, botar abaixo, artigos básicos dos orzamentos do Estado mostra que aínda fica vida intelixente nas elites do país luso. O TC axe dese xeito por dúas razóns básicas. Primeira, porque, con efecto, os cortes decretados polo goberno Passos Coelho -nomeadamente o non pagamento das extras a funcionarios e pensionistas- atenta contra o texto constitucional ao significar na práctica unha expropiación de dereitos. A segunda, porque o TC, embora non o explicite, entende que a política da Troika vira en letra morta a soberanía do Estado portugués e, en último termo, a propia esencia da democracia considerada como o poder do pobo a decidir sobre si propio.

A reacción de Bruxelas, abenzoada polo goberno da dereita PSD-CDS, é demoledora. Máis cortes. Máis políticas deflacionarias, recesivas. Máis privatizacións. Maior entrega aos negocios privados dos servizos públicos esenciais. A subordinación do ensino e da sanidade á lóxica do beneficio empresarial. Maior empobrecemento das camadas populares.

O balanzo dos dous anos de goberno colonial da Troika en Portugal é estarrecedor. Non só tornou máis pobre á inmensa maioría como tamén se revelou incapaz de satisfacer os obxectivos que en teoría perseguía. Vexamos. O déficit previsto para 2012 era do 4,5 por cento do PIB. O real foise ao 6,4 por cento. A débeda pública queríase no entorno do 110,5 por cento. A real gabeou até o 123,6 por cento. Un fabuloso negocio para os acredores do Estado portugués. Isto é, para a grande banca internacional, nomeadamente alemá.

As políticas da Troika non serven para saír da crise porque en realidade non están concibidas nin para reactivar a economía nin para criar emprego de calidade (Portugal xa rolda o 19% de desemprego). Os propósitos reais son outros: manter deflacionada a zona euro (para favorecer os intereses de Berlín), eliminar competidores non só da Alemaña como da Franza (nomeadamente no sector agro-alimentario) e alargar as áreas de negocio do capital privado (desartellando o Estado social, xa de seu subdesenvolvido na periferia europea).

A dereita portuguesa non ten o menor patriotismo e está literalmente entregue aos intereses estranxeiros. O PS critica agora Passos Coelho, mas foi Sócrates quen negociou con Bruxelas. A única alternativa pasa por erguer unha maioría social que demande o que o PCP ten cualificado como un goberno patriótico e de esquerdas. Non é a economía, estúpid@s. Ou non só. É a soberanía nacional. É a defensa dun modelo de desenvolvemento que respecte o dereito de todos os países a produciren e a viviren do seu traballo. E nese debate, vital, a cuestión da saída do euro ten de se pór necesariamente sobre a mesa. Sen dogmatismos, por suposto, mas tamén sen preconceptos.

Comentarios