Opinión

2014: o ano do dereito a decidir

18 de Setembro de 2014. O pobo escocés está chamado ás urnas. 9 de Novembro de 2014. É o momento para o pobo catalán.


18 de Setembro de 2014. O pobo escocés está chamado ás urnas. 9 de Novembro de 2014. É o momento para o pobo catalán. Non son episodios isolados, hai unha corrente de fondo que remete para a vontade dos pobos a se empoderaren face os custodios da globalización neoliberal, representada no noso espazo sociopolítico por un Leviatán antigo, o Estado español, e por un xigante novo mais emparentado con este pola mesma raíz antidemocrática, a Unión Europea.

Escocia. Catalunya. E tamén Euskadi, que demanda un novo status político, e Galiza, co nacionalismo social -eis a iniciativa Galiza pola Soberanía- a impulsar decididamente o camiño cara á soberanía, consciente de que a vía autonomista non conduce a ningures e que o atual marco político, o pactado en 1978 polo franquismo coa esquerda española (PSOE e PCE) e o pujolismo, está esgotado.

Como vai haber democracia se se parte da inexistencia dun pobo dado, no noso caso do pobo galego?

2014 é, portanto, o ano do dereito a decidir, o ano das nacións na Europa occidental. É ano non só de referendo, senón tamén electoral, coas eleccións ao Parlamento europeu do mes de Maio. Unha boa oportunidade para os pobos se pronunciaren como tales, face á Europa dos Estados realmente existentes, esa Europa que o Estado español emprega como arma arreboladiza fronte á vontade moi maioritaria das e dos cataláns a decidiren libremente o seu futuro.

En realidade, o dereito a decidir, o dereito á libre determinación, é unha cuestión case prepolítica, un requisito previo para podermos falar con propiedade da existencia dunha democracia merecente de tal nome. Como vai haber democracia se se parte da inexistencia dun pobo dado, no noso caso do pobo galego? Como vai haber democracia se se axe como se ese pobo non existir e, portanto, non ten dereito a expresarse?

A sociedade galega tense de facer aínda máis consciente de que en 2014 algúns van apañar un tren e que a nosa cuestión, a cuestión galega, non pode ficar eternamente adiada.

Comentarios