Opinión

Traccionar ao PP

A dereita española entrou aínda en maior tensión esta semana. Unha mostra máis, da fondura...


A dereita española entrou aínda en maior tensión esta semana. Unha mostra máis, da fondura do conxunto de crises das que vimos falando. O certo é que o PP ostenta nestes momentos o maior poder institucional na súa historia como partido. Evidentemente, non é este o problema que está por tras dos conflictos. Un sector da dereita española aspira agora a ser garante, pola súa conta, das posicións inmobilistas no proceso de paz e normalización política que vive Euskal Herria ou no proceso independentista de Catalunya. A persistencia da crise económica e o ambiente de podredume institucional, con Juan Carlos I ao frente, alimentan o argumentario desta nova e vella extrema dereita.

"Un sector da dereita española aspira agora a ser garante, pola súa conta, das posicións inmobilistas no proceso de paz e normalización política que vive Euskal Herria ou no proceso independentista de Catalunya"

Mais porque agora? A que responde? É sabido que a fundación do Partido Popular nos anos 80 é o inicio dunha nova expresión que representaba o amplo espectro da dereita: liberais, democristianos, conservadores, franquistas... Os partidos de extrema dereita, en consecuencia teñen xogado un papel marxinal xa que os votantes que se sitúan nesas coordenadas sentíronse ao longo deste período ben representados no PP. Segundo as últimas estimacións, o 85% das persoas de extrema dereita vota ao PP , e representa un 10% do seu electorado.

Frente á acusación da extrema dereita dun Rajoy 'blando', o certo é que no caso basco, tense instalando en posicións inmobilistas e non ten habido ningún movemento en materia penitenciaria. Apenas se limitou a acatar unha sentenza en firme do Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo sobre a doctrina Parot que mantivo até o último día. A respeito de Catalunya, novamente, o executivo de Madrid non fixo absolutamente nen o mínimo xesto de facilitar o diálogo coas forzas políticas de Catalunya ou a celebración da consulta. Aínda máis. O programa social conservador tense posto en marcha con leis regresivas en materias como o ensino, coa LOMCE; a lei do aborto, impulsada por 'Ministerio de Justicia' (ollo! Nen sequera polo de sanidade) ou a lei de seguridade cidadá, impulsada por Interior e calificada aquí e pola prensa internacional como 'represiva'. 

"Frente á acusación da extrema dereita dun Rajoy 'blando', o certo é que no caso basco, tense instalando en posicións inmobilistas e non ten habido ningún movemento en materia penitenciaria. Apenas se limitou a acatar unha sentenza en firme do Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo"

Probabelmente as expectativas de certos sectores da dereita eran 'moi altas' coa chegada ao goberno do PP debido a 'tremendista' oposición que fixo a Zapatero. E no cerne da cuestión, o PSOE sempre estivo niso que chaman sentido de estado e peza do bipartidismo español. É dicir, valedores os dous da unidade do estado e a doctrina neoliberal da Troika. No relato do PP, chegouse a pintar a ZP como unha especie de amigo de independentistas que sería barrido pola firmeza nos princípios dos populares.

O certo é que nen o maior poder institucional da historia do PP, tranquiliza ao sector social da extrema dereita. O 'España se rompe' que un día foi eslogan, hoxe para moitos e moitas deles ten serios tintes de realidade. Interiorizaron a profundidade da aposta catalana. Dese caldo, xorde un novo partido como VOX, que vén sumarse dalgún xeito ao espazo de UPyD ou Ciutadans. O seu obxectivo é situarse en posicións 'duras' dentro do escenario político: mantemento de Juan Carlos I na xefatura do estado, eliminación das autonomías ou firmeza frente a un 'terrorismo' que non existe. Nesta liña dura frente ao goberno e o partido liderado por Mariano Rajoy, tamén está Pedro J. Ramírez ou Jiménez Losantos e televisións como Intereconomía ou 13 TV.

"VOX vén sumarse  ao espazo de UPyD ou Ciutadans e o seu obxectivo é situarse en posicións 'duras' dentro do escenario político: mantemento de Juan Carlos I na xefatura do estado, eliminación das autonomías ou firmeza frente a un 'terrorismo' que non existe"

Probabelmente, chegaron á conclusión todos eles que non se fían de Rajoy nen o PP. Están convencidos da pouca firmeza, nese esquema de razoamento, do executivo de Madrid. Ante o medo de que o programa conservador fique a medio camiño e bascos, cataláns ou galegos, poidan avanzar até onde queiran, xa está posta a maquinaria para traccionar ao PP cara posicións duras ou ben abrir a porta a un partido que cubra ese flanco. Hai quen di, que isto é unha oportunidade para a democratización do PP e que a extrema dereita se represente a si mesma. Mais ten outras caras. Non temos que ir moi lonxe para ollar como en Francia, o ascenso do Front National, lonxe de traccionar só a dereita, fixoo co conxunto do espectro político. 

Comentarios