Opinión

Os puntos de Galiza

Vimos de pechar un mes de Outubro inzado de casos de corrupción. O cheiro que nos deixa é dunha podredume insoportábel.

Vimos de pechar un mes de Outubro inzado de casos de corrupción. O cheiro que nos deixa é dunha podredume insoportábel. Son moitos escándalos, moitas operacións, moitos millóns roubados e moitas detencións e encarceramentos en moi poucos días. Estabamos acostumados á corrupción, mais non estabamos acostumados a isto. Un non deixa de preguntarse o motivo de tal acumulación de casos en tan pouco tempo. 

Certo é por unha banda, que o pastel económico se viu moi reducido nestes anos de crise económica. Resumindo, non hai tanto para repartir. Mais pola outra, como acontece nos momentos de descomposición dos réximes políticos, non hai quen deixa de ver fondas disputas políticas. Axustes de contas internos no seo das élites do estado e do Partido Popular. Nesta liña poderíamos entender a “aparición” das fotos que probarían a relación de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado ou o cerco que se está a trazar sobre el na operación Zeta e as súas relacións co conseguidor Pachi Lucas. Penitencia polas súas aspiracións? 

Estamos a ver cambios no comportamento das élites en comparación cos líderes e o imaxinario da transición. O facto é que asistimos a unha acumulación de casos pouco vista, que aconteceron xa hai máis ou menos anos; mais veñen á luz agora. Na percepción da cidadanía é o momento de maior corrupción deste período constitucional. Dalgún xeito pasamos dun escenario de pacto de elites onde todos se cubrían (a casta, se queren), a comezar polo protexido monarca, a un escenario onde as elites comezan a desconfiar e, dalgún xeito, a ter comportamentos á marxe desa especie de omertá construída ao longo deste periodo. Pasamos dunha casta unida e hexemónica política, social e culturalmente a unha casta cun comportamento disgregado e en tomada de conciencia da importante perda de hexemonía. 

Seguindo o fío, o réxime do 78, coas súas lóxicas políticas e culturais, está moribundo. Fáltalle pouco para o certificado legal de defunción. Nunha recente entrevisa de Iñaki Gabilondo a Luís María Anson, ex de moitas cousas mais fundamentalmente de ser un dos maiores “cortesanos do Reino”, afirmaba que as elites están convencidas “fify-fifty” da necesidade dunha “profunda reforma constitucional”. E alertaba sobre as urxencias da reforma antes de que outros “a fagan desde fóra”.

Non estamos no debate da independencia, estamos no debate da existencia política do País. De chegar a reforma, será o momento de defender “os puntos de Galiza”

Non sei se para Anson Podemos pode ser un deses que queiran facela desde fóra. Como claramente si que o é desde o punto de vista do fundamentalismo constitucional español, conseguir democraticamente a independencia de Catalunya. O certo é que para esa reforma profunda da constitución require dunhas maiorías que hoxe PP e PSOE teñen, mais que están seriamente ameazadas de cara as xerais de 2015. A irrupción de Podemos como segunda forza política e en todo caso, moi parella a PSOE e PP pode ser decisiva para condicionar o escenario político. PP e PSOE seguramente poderían facer goberno prestándose os votos (coa conseguinte pasokización do PSOE) mais sería complicado que tiveran a maioría precisa para a hipotética reforma constitucional. Podemos revelaríase como peza necesaria para a reforma.

Outro dos escenarios chave é o que aconteza en Catalunya nos próximos meses. Mais evidentemente nós xogamos noutra liga. Un país inexistente politicamente nestes momentos como o noso debe de focar unha atención importante a esa hipotética reforma constitucional que se alvisca. Non estamos no debate da independencia, estamos no debate da existencia política do País. De chegar a reforma, será o momento de defender “os puntos de Galiza”. Para iso hai que seguir tecendo complicidades en sectores amplos da sociedade. Reconstuir pontes caídas. E aplicar grandes doses de xenerosidade.

Comentarios