Opinión

Aproveitar a onda

Este 2014 vai ser un ano importante para Galiza. Crucial para o futuro de España con todas as súas tensións in crescendo; as asumidas por todo o espectro social: as crises económica, social, institucional e territorial. E finalmente, importante ano para moitas nacións de Europa: Catalunya, Escocia, Flandes, Euskal Herria, Groenlandia, Illas Feroe ou Sardeña.

Este 2014 vai ser un ano importante para Galiza. Crucial para o futuro de España con todas as súas tensións in crescendo; as asumidas por todo o espectro social: as crises económica, social, institucional e territorial. E finalmente, importante ano para moitas nacións de Europa: Catalunya, Escocia, Flandes, Euskal Herria, Groenlandia, Illas Feroe ou Sardeña.

"Os acontecementos terán que poñer nalgún momento ao noso povo frente ao espello para preguntarse  'e nós que?'. 

A crise socioeconómica está a golpear o noso País moi duramente. E comezamos ter datos alarmantes sobre a nosa viabilidade demográfica: existir fisicamente. Unha demografía castigada pola lóxica da falta de tecido industrial, desemprego, empobrecemento e emigración. Non temos poder. O País non ten poder para resolver problemas. Porque non é soberano. Porque non acadou a independencia nen está nese proceso. Precisamos a independencia como os que máis. Para poder pensar en chave de País e planificar a nosa economía, para poder ter un desenvolvemento industrial, para garantir que ninguén pase fame e poder vivir baixo un teito nun País onde sobra onde sementar e vivendas onde habitar. E tantas e tantas outras cousas. Mais non estamos nese proceso. De momento. Mais os acontecementos terán que poñer nalgún momento ao noso povo frente ao espello para preguntarse  'e nós que?'. E haberá que ter construído un bloque político e social que teña unha oferta política que lle ofreza unha resposta, unha saída. Construir unha alternativa.

Iñaki Soto, director de Gara, comentaba nunha entrevista a semana pasada que desde o seu punto de vista 'se cadra o problema de Galiza, era a articulación política'. En parte, nesas estamos no campo nacionalista. Os acontecementos en Anova, derivados de AGE, fixeron aflorar problemas acumulados desde a creación: fundamentalmente un modelo para o futuro das alianzas. O corpo social soberanista contempla moi en silencio, comparado co ruido das escisións e das eleccións autonómicas, os acontecementos. En parte por cansanzo colectivo, en parte tamén, porque Anova ten que tomar decisións. E podería variar o rumo do que viñan facendo. 

As eleccións europeas de Maio poden axudar a situar ao noso País neste debate. Un proceso electoral que permite dar un debate pedagóxico e unir sectores sociais por volta da reclamación da soberanía como medio de solución dos problemas que afectan ao País e á maioría social. Desde logo, nese camiño, moi bo sería para Galiza unha mellor articulación das forzas políticas. Unha candidatura na que traballa o BNG, co apoio das forzas independentistas como Nós-UP e tamén a hipotética decisión de Anova. Que boa sería a decisión de Anova e outros e outras de subirse ao eixo Galiza – Euskal Herria – Catalunya que se está a conformar de cara as eleccións europeas, á espera de que ERC ou as CUP  tomen tamén as súas decisións. Bo sería tamén, por parte de todos e todas, amosar xenerosidade para poder facilitar posíbeis decisións. Nesta conxuntura, a esquerda soberanista galega, co conxunto das forzas agrupadas, en compañía doutras nacións, pode obter moi bos resultados.

"Os acontecementos en Anova, derivados de AGE, fixeron aflorar problemas acumulados desde a creación. O corpo social soberanista contempla moi en silencio, comparado co ruido das escisións e das eleccións autonómicas"

Pondo o foco no exterior, recentemente tiven a oportunidade de estar en Catalunya, con motivo do anuncio da consulta, e en Euskal Herria, con motivo da manifestación prohibida inicialmente pola Audiencia Nacional e posteriormente convocada polo conxunto dos partidos e sindicatos abertzales en favor do dereitos humanos, a resolución e a paz. Tirei un denominador común: como nesta conxuntura, convirten a negación de dereitos, en forza política e social cara os seus obxectivos. Como a posición de inmobilismo do estado español nos últimos anos en Catalunya, acentuada co anuncio da consulta, trae como consecuencia máis e máis xente en favor da independencia. Como tamén, en Euskal Herria, a capacidade de superar o bloqueo do estado español ao proceso de paz e de normalización política, trae como consecuencia máis apoios e maior mobilización. Porque o Estado español sabe, como asumiu dun xeito central a esquerda abertzale no cambio de estratexia, que a maior debilidade do estado nesta fase, é na confrontación política e democrática. En amosar que tes unha maioría. En definitiva, a maioría social catalana e basca buscan solucións. Fronte ao non, fortalecemento. Nesa dinámica están.

A cuestión é que o tempo pasa. A consulta en Catalunya está axendada. O proceso continúa... Porque os procesos de independencia son iso, simplemente procesos. Non hai un 'momento' da independencia. Evidentemente pode haber unha declaración institucional, un paso definitivo mais sempre como fin dun traxecto. Probabelmente Catalunya, viu moi reforzado coa Diada de hai dous anos ese proceso. Confirmado nas eleccións posteriores e na última Diada. O anuncio da consulta por parte da maioría política e social e o anuncio de prohibición do executivo de Madrid, está a traer unha consolidación de posición 'fortes', sólidas, por volta da independencia: como a saída unilateral que propón a ANC en caso de prohibición da consulta. Nos procesos de independencia hai un ponto de non retorno. Catalunya non deixa de darnos sinais de estar nel.

"Que boa sería a decisión de Anova e outros e outras de subirse ao eixo Galiza – Euskal Herria – Catalunya que se está a conformar de cara as eleccións europeas".

A paisaxe no estado español é de aparición de novas iniciativas á esquerda e á dereita, frente ao desgaste bipartidista. Por unha banda, a aparición de Vox, que se vén sumar dalgún xeito ao grupo conformado por Ciutadans-Ciudadanos e UpyD. Vox é un partido unionista de ultra-dereita, liderado por Ortega Lara e Santiago Abascal. Síntoma de que o segmento social da ultradereita española está descontento sobre a intensidade das accións represivas e inmobilistas do PP. No campo da esquerda, a iniciativa Podemos, moi focalizada no liderado de Pablo Iglesias, non deixa de moverse no mesmo terreno social e cultural de IU. Por unha banda, o grupo de profesores e intelectuais, nucleados por volta da UCM e a tertulia “La Tuerka” e principais impulsores da iniciativa Podemos, conecta mellor cos novos movementos, o 15-M, as chamadas 'mareas', a mocidade... e conta cunha enorme proxección mediática (incluídos os dous grandes grupos privados de TV en España, Atresmedia e Mediaset). Por outra banda, IU non deixa de pertencer aos 'vellos partidos' e no eido electoral apenas pode aspirar a conseguir algúns deputados máis, mais non rachar en solitario, en ningún caso, coa feble hexemonía do PSOE como alternativa de goberno ao PP en España. O máis lóxico semella unha converxencia ou acordo entre IU e Podemos, se é que hai desacordo de fondo hoxe, de cara ás eleccións europeas. Coa hipotética incorporación dalgún partido ou sindicato. Veremos.   

Finalmente, outras nacións europeas, poden dar pasos importantes ou definitivos no seu camiño cara a independencia. Á frente: Escocia. Referendo legal e pactado co executivo británico. Se ben hai meses semellaba moi lonxe a victoria do si, conforme pasan as últimas semanas, comeza a variar a correlación entre os partidarios do si e do non. Con todo, o mellor que podemos tirar, é a súa dimensión democrática. A normalidade de decidir o futuro dun povo. Nunha urna, con votos! Vaia, o que horroriza ao goberno español.

As opcións independentistas avanzan en Flandes que celebrará eleccións en Maio. Groenlandia ou as Illas Feroe calquer día serán estados independentes sen nos dar de conta e mesmo a opción independentista en Sardeña podería ser primeira forza.

Sen dúbida, como titulaba a edición en papel do Sermos Galiza, '2014, o ano das nacións'. Ninguén nos vai agasallar nada. Mais aproveitemos a onda.

Comentarios