Opinión

A nosa propia violencia acaba(rá) connosco

Unha vez máis o chamado primeiro mundo volve deixar clara a súa ridícula e egoísta postura con respecto ao resto do(s) mundo(s). Estes días dan gañas de non abrir o computador, non escoitar a radio, nin ler a prensa, porque a cuestión do Ébola perséguenos como a típica canción pop pegadiza que non paran de repetir en todos lados e que che taladra a cabeza.

A necesidade de persoas marxinais vén dada 
pola necesidade de beneficio dunha 
sociedade onde a diferenza 
é institucionalmente rexeitada
 Audre Lorde

Unha vez máis o chamado primeiro mundo volve deixar clara a súa ridícula e egoísta postura con respecto ao resto do(s) mundo(s). Estes días dan gañas de non abrir o computador, non escoitar a radio, nin ler a prensa, porque a cuestión do Ébola perséguenos como a típica canción pop pegadiza que non paran de repetir en todos lados e que che taladra a cabeza. Primeiro foron as vacas malucas, logo a gripe vocálica... e agora? Agora toca o Ébola. E como non, o caos, a alerta, o pánico, salta cando toca na casa. Como sempre. Porque o que non vemos non existe. O que non se di, non existe. Por iso sempre a política do silencio. A política do non-nomeado, porque o non-nomeado non existe. 

"Primeiro foron as vacas malucas, logo a gripe vocálica... e agora? Agora toca o Ébola. E como non, o caos, a alerta, o pánico, salta cando toca na casa".

Non se confundan, non veño aquí a dicir que non sinto pena pola muller que está agora illada e a ser tratada, ou que non sinto pena polo famoso can medieval, claro que sinto pena (como dun millón de cousa máis, xa postas) mais sobre todo sinto pena porque, unha vez máis, este mundo (este chamado PRIMEIRO mundo) dá unha boa mostra, de novo, da súa falta de ética, do seu egocentrismo, do seu xeito de se mirar os pés sen levantar nunca a mirada. 

As últimas estatísticas sinalan que na África xa son 3338 persoas as que faleceron por causa do Ébola. Que mudou, entón, agora? Que o partido estase a xogar na casa e iso, por suposto, xa pasa a ser unha cuestión seria. Isto agora xa afecta a Europa, esa grande figura creada e construída en retrimento de outras ás que non dubidou, e non dubida, en esmagar a cada paso que dá tan só coa finalidade de facerse máis e máis grande. En retrimento de aquelas ás que sempre lle dá as costas. Mais agora si que é un problema. Agora si que toca falar sen parar e xerar o pánico. Política do medo. Agora si que é un problema, porque en Europa somos unha grande familia e podemos caer tod*s como un efecto dominó. 

E cada día escoitar falar do denominado terceiro mundo que nos presentan como algo afastado e alleo baixo o nome de África, mais o concepto do terceiro mundo nace dentro do cadro que debuxa o capitalismo. Nun sistema movido pola produción do capital e do traballo en que só as grandes potencias económicas poden sobrevivir, xérase esta etiqueta sen dúbida discriminatoria. O terceiro mundo existe non en comparación ao primeiro ou segundo, senón única e exclusivamente como consecuencia. 

"As últimas estatísticas sinalan que na África xa son 3338 persoas as que faleceron por causa do Ébola. Que mudou, entón, agora? Que o partido estase a xogar na casa e iso, por suposto, xa pasa a ser unha cuestión seria".

Unha vez máis facendo pirámide, facendo xerarquías de tipos de dor, de tipos de causas que nos deben e/ou non afectar. E de que nos sorprende? Xa sabemos o que está acontecendo en moitos países de África, ou non! porque mudamos de canle cando moitos deses anuncios intentan falarnos. Por que? porque o que non vemos, o que non se fala, non existe. Xa sabemos, tamén, que moitos animais son cada día maltratados e/ou abandonados nas rúas, mais deste é interesante falar porque está na moda, porque invade Twitter e é un tema do que falar nunha conversa de café na que demostrar que a nosa sensibilidade polos animais existe, porque, que seraimos senón??!! monstruos??!! O problema, por tanto, non pasa por erradicar o problema da España, senón en nos parar a pensar se debemos tratar o problema na súa orixe, xa que todo apunta a que este era o paso previo para que nada disto acontecese. 

Porén, mentres agardamos, moldéannos e énchenos a cabeza con medo, con moito medo, que o que fai é bloquear a nosa cabeza e parar, frear, deter, silenciar o resto dos problemas que nos trouxo até o día de hoxe resultado de todas e cada un das más xestións que se fixeron e se seguen a facer. Ou é que ninguén pensa en que o conxunto d*s enfermeir*s xa se estaba a queixar desde xullo desta situación? E onde foron parar esas voces? Onde foron arquivadas esas protestas? Quizais sirva isto como golpe de realidade das mil e unha causas, inxustizas e violencias, con que nos encontramos no noso día a día mais ás que se lles segue sen dar voz, ás que os medios de comunición non prestan atención porque non teñen unhas consecuencias políticas e sociais tan directas como pensan que só pode ter o Ébola. Ou porque, simplemente, non son tan mediáticas e, a fin de contas, o mercado é o mercado. 

Por certo, pregunto... É bola? Ou bola? Aberto ou fechado? E pregunto, tamén, cando se estrea a serie cómica sobre España?

Comentarios