Opinión

O insomnio do estado dicotómico permanente

Xa hai un par de semanas que non consigo durmir. A cada segundo intento concentrarme e procurar o motivo que me ten cos ollos abertos cada día deste mes e non o consigo.... 

Por chamarlle viño ô viño
e chamarlle pan ô pan,
dou en decir o veciño
qu’era a tola de Sobrán.
Agora din qu’istou san
e son dina d’aloumiño
porque ô pan lle chamo viño
i-o viño lle chamo pan

A tola de Sobrán, Francisco Porto Rey


Xa hai un par de semanas que non consigo durmir. A cada segundo intento concentrarme e procurar o motivo que me ten cos ollos abertos cada día deste mes e non o consigo.... 

Te compro tu novia!

Escoito música case como zumbidos que non me deixan centrarme en absolutamente nada. Intento focar todas as miñas enerxías en facer algo produtivo e a calma e a tranquilidade que preciso para levar a cabo algo de proveito nunca chega... Termino por lembrarme do filme do Maquinista e o meu agobio, a miña obsesión, a miña paranoia, crecen a pasos xigantescos.

[...] la regla es que goces.
Si te falto el respeto y luego culpo al alcohol,
si levanto tu falda me darías el derecho
a medir tu sensatez,
poner en juego tu cuerpo.

 "Miraba ao meu arredor e a xente cantaba, bebía, bailaba, asentía a todo o que lle dicían nunha actitude quase robótica... e repetíanme, ao ver a miña cara, que non tiña por que preocuparme".

Comezo a botar contas... chamo a amigas e pregunto desde cando calculan que estou así. Dinme se recordo que hai unhas semanas fomos ver á París de Noia e que, de paso, tamén escoitamos algo da Olympus. Dinme que elas, desde entón, comezaron a notarme moi distante e ausente. A miña cabeza comeza a later como cando espertas de resaca e intentas botar contas da cantidade de parvadas por minuto que puideches soltar na noite anterior. Agora entendo o por que da camiseta que teño tirada nun recanto do meu cuarto “París de Noia 2014. Terra de homes”. E eu nunca entendía de que terra me estaban a falar...

A xente, a música alta, as coreografías perfectamente programadas, os risos altos da xente, os aplausos... todo se tiña apoderado do meu cerebro e provocábame unha dor constante que xa non podía soportar.

Lembro estar quieta sen mover un só centímetro do meu corpo estudando a performance que me estaban a presentar diante. Ás veces, cando vexo cousas que para min resultan tan surrealistas, paso horas esperando e esperando que chegue o momento de reflexión sobre o que penso que están a ultraesaxerar de forma irónica. Ese momento, xa o adianto, nunca chegou. Miraba ao meu arredor e a xente cantaba, bebía, bailaba, asentía a todo o que lle dicían nunha actitude quase robótica... e repetíanme, ao ver a miña cara, que non tiña por que preocuparme. “Estamos de festa e non é o momento de parar a pensar nas letras!”, “Non é o momento de estudar o por que de dedicaren explicitamente cancións para homes e outras para mulleres”, “De verdade pensas que este é o problema?”. 

"Decido sumerxirme un bocado nas redes sociais tentando evadirme de toda esta paranoia orquestril que tiña invadida cada ínfima parte do meu corpo".

Estás sintiendo lo que algún día me hiciste. ?
Aunque te duela nena de tu pena yo me alegro. ?
Te pintaron un paisaje blanco y te salió de negro. ?
Te lo mereces, en la relación toca sufrir a veces.

Decido sumerxirme un bocado nas redes sociais tentando evadirme de toda esta paranoia orquestril que tiña invadida cada ínfima parte do meu corpo. Vexo que no concello de Borborás a xente tamén está afeita a este tipo de performances e constrúen o seu propio concepto de tradición en base ao que un grupo de “alguéns” consideran plural e aberto, algo para todos os públicos. E como podes culpar a alguén a quen levas alimentando con produtos prefabricados do que debe ser a música?, do que debe ser a imaxe que de cada unha de nós se representa diante de tantos centos de persoas como moven as romarías neste país? E unha vez máis, ese tampouco debe ser o problema...

Encendo a televisión e só vexo tronos e máis tronos. Hai reis e raíñas expoñéndose nuns parámetros que xa comezan a me resultar familiares.  Hai planos de cámara só centrados en corpos femininos, homes animados a poñérenlle nota... Todo isto resultado da xeración do espello, da xeración que se ve completamente deseñada pola forza dos medios de comunicación promovidos en base a fortes caixas e etiquetaxes daquilo que somos e debemos ser. Unha xeración que se reproduce case como algo robótico e que non sabe saír á rúa sen mirarse ao espello e reafirmarse, porque só existimos se alguén nos recoñece e nos confirma “Si, estás aquí, agora, connosco” e non sabemos medir por nós mesm*s onde están os nosos pés a cada momento. 

"Aplaudín con moita forza porque alguén chegase a definir a problemática do corpo desnudo como unha dificultade loxística". 

Cultura do medo. Cultura do inconformismo. Cultura do estás con nós ou contra nós. Cultura creadora da marxe, do normal e do patolóxico.

Estado dicotómico permanente.

Mudo de canle: deportes. 

O tío de Rafael Nadal non concorda na elección de Gala León como capitana do equipo español da Copa Davis porque lle resulta incómodo que unha muller poida presenciar o corpo desnudo dos homes no vestiario. Mais o certo é que, como el mesmo sinalou, "Se puede dar una dificultad logística cuando te pasas mucho tiempo en los vestuarios con poca ropa". Logo de escoitar isto aplaudín. Aplaudín con moita forza porque alguén chegase a definir a problemática do corpo desnudo como unha dificultade loxística. 

Mundo de canle: publicidade.

O último anuncio de Carbonell non é máis que unha sucesión de persoas a repetiren “Gracias, mamá” pechando o anuncio con unha muller de idade avanzada que intenta representar as nosas avoas e nais. Agora entendo con que ámbito asocian á muller tradicionalmente... 

E será este o problema? Por suposto que este tipo de declaracións ou que este tipo de cancións non son o problema. É só música ou son só palabras de xente que, quizais, naceu nun contexto en que lle ensinaron que o mundo do deporte está dividido en dúas partes e que o mellor para que tod*s nos levemos ben é que as mazás non se mesturen coas peras. Por suposto que o problema non é ese, se queremos pensar que non o é, claro.

"O problema é asociar a violencia tan só cando é física sen pararmos a valorar que, quizais, bater nunha persoa é o resultado final logo de todos estes pasos previos que actúan como micropezas transparentes que van compoñendo, aos poucos, unha peza musical fulminante que cantamos sen sequera nos decatar que somos vítimas dela".

O problema é o tipo de recepción que nós facemos sobre todo isto. O problema é non valorarmos a cantidade de xente á que todas estas mensaxes, seran directas ou indirectas, están a chegar. O problema é aceptarmos isto como normal e non facermos ningún tipo de valoración e actuarmos como recipientes, como xerras en que se van vertendo todo este tipo de violencias simbólicas sen sequera nos decatarmos. O problema é asociar a violencia tan só cando é física sen pararmos a valorar que, quizais, bater nunha persoa é o resultado final logo de todos estes pasos previos que actúan como micropezas transparentes que van compoñendo, aos poucos, unha peza musical fulminante que cantamos sen sequera nos decatar que somos vítimas dela. Sen sequera nos decatar de que está a contruír, ou máis ben a reforzar, a fronteira entre o común, o innato, o natural e aquilo que sobresae e que marcamos e sinalamos.

E se ben cada día facemos tradición e pechamos un capítulo máis daquilo que queremos que se proxecte ou prevaleza no futuro, por momentos unha dubida que é o que estamos a procurar que sobresaia e o que fique connosco. De non entendermos a forza da música, da publicidade e da televisión como axentes construídores e reforzadores dunha verdade que tan só recibimos e reproducimos de xeito automático sen aceptamos a nosa natureza social, tan só estaremos a tirar pedras no noso propio teito. 

Quizais por iso cheguei até aquí, porque quero descubrir, nalgún momento, que é o que fai que os meus ollos e a miña cabeza non consigan descansar. Cada noite, para me manter entretida, mentres a maior parte da xente dorme, saio ao campo a segar, a quitar as más herbas que encontro no camiño. A calma comeza a chegar cando ves que son moitas as mans que encontras a traballar na procura dun campo cada vez máis limpo, máis libre, no que cada unha das nosas voces se escoite, no que poidamos bailar ao son da nosa música, dunha música construída por nós e para nós, lonxe de todo este ruído que non nos deixa descansar. Mais que non se equivoquen porque o ruído, sen dúbida, cesará e o campo, aos poucos, estará máis e máis limpo... máis e máis limpo...

Comentarios