Opinión

EU-CELAC

Celebrouse en Bruxelas a cimeira CELAC-UE, despois de anos de impás, despois de moitos cambios políticos en América Latina e o Caribe. Paralelamente celebrouse a Cimeira dos Pobos na que tamén participei como eurodeputada do BNG no acto de clausura no Parlamento Europeo que reuniu a varios presidentes latinoamericanos.

Se algo hai que destacar é que os gobernos de América Latina e o Caribe presentáronse na Unión Europea esixindo respecto mutuo, reciprocidade, complementariedade, cooperación, concertación política e solidariedade. Historicamente non foi o caso. A UE actuou con soberbia e cunha posición colonial non respectando a soberanía destes Pobos nin a autodeterminación, como tamén acontece con Galiza e outros Pobos europeos.

América Latina e o Caribe falaron con voz forte, esixindo igualdade, loitando por sociedades libres  de explotación e discriminación, contra a inxerencia e a explotación depredadora dos seus recursos naturais, pola paz, o diálogo e a diplomacia, polo respecto á diversidade cultural e lingüística.

No Parlamento Europeo atoparon voces amigas, como as do BNG e outros grupos de esquerda, que tamén os defendemos neste eido contra os ataques continuos aos gobernos da esquerda como as paranoicas recentes resolucións sobre Cuba ou Venezuela, promovidas pola dereita e a extrema dereita, nas que está detrás o Foro de Madrid, e  que por suposto contaron co noso voto en contra.

A solidariedade internacionalista foi transmitida directamente aos Presidentes de Bolivia, Alberto Arce, e de Colombia, Gustavo Petro, presentes no acto na Eurocámara e á gran representación cubana encabezada polo Presidente Díaz Canel, ratificando a denuncia contra o bloqueo e contra a inclusión de Cuba na lista terrorista de Estados Unidos.

Aínda que a Resolución final do encontro non foi do agrado de moitos Gobernos, quixeron dar un paso en avance para esixir respecto. Se Europa precisa de América Latina e o Caribe, o primeiro vai ser respectar aos Pobos, aos Gobernos, aos Pobos orixinarios, á natureza e os recursos naturais estratéxicos. Abonda de roubar, de explotar, de manipular, abonda de tratar a este espazo do mundo con altivez. A América Latina e ao Caribe hai que respectalos.

Nós defenderemos sempre a soberanía dos Pobos, o dereito de cada Pobo a decidir seu futuro e a libre autoderminación. O internacionalismos do Bloque tamén estivo presente neste momento histórico de Bruxelas.

Comentarios