Opinión

Xornalismo, ciencia e país

A ciencia e o xornalismo responsábel fainos libres. Remataba así a columna publicada neste mesmo espazo hai case un mes, na véspera do Día do Orgullo LGBT+. Hoxe, nas vésperas dunhas eleccións decisivas para a Galiza cobra, se cabe, maior relevancia a ciencia e o xornalismo sen dependencias, porque ambas achegan datos, información e ferramentas imprescindíbeis para avanzar na sociedade do coñecemento.

Acostumadas e acostumados a un sistema mediático dependente da banca, enerxéticas, o IBEX ou de axudas públicas repartidas “a dedo”, o xornalismo sen dependencias que exercen medios como o xornal que vostede está a ler faise imprescindíbel ante as tormentas perfectas de noticias falsas que procuran retorcer a realidade e pola ao servizo das multinacionais e o poder.

Un xornalismo como o de Nós Diario, sostido grazas ás lectoras e os lectoras, sen dependencias nin submisión dos poderes e só ao servizo dos intereses da sociedade galega, permite botar luz na tormenta e analizar os feitos como son. Sorprendeu ver un Feixoo angustiado ao ser repreguntado e corrixido en TVE, acostumados á apagada informativa na CRTVG ou a roldas de prensa do Consello da Xunta onde a respostas deste medio se adoitaba derivar a consultar coa Consellaría correspondente ou afirmar el que tiña datos diferentes para evitar responder.

O xornalismo responsábel contrasta, verifica e saca á luz cuestións que afectan ás persoas e que capital e poderes ao seu servizo tentan agochar.

Nestes tempos de auxe do negacionismo e das mentiras, a ciencia tamén é fulcral. Por iso un sistema de investigación que capte o talento obrigado a emigrar por falta de oportunidades na Galiza é necesario para facer avanzar o país en todos os campos e botar luz na tormenta.

Precarizar a investigación e a ciencia só alimenta o atraso. 
Xornalismo, ciencia e Galiza son tres planos onde pór dependencias implica involución. Son tempos de pelexar polas tres ao tempo. Máis xornalismo valente e máis ciencia son máis Galiza.

Comentarios