Opinión

Violencia e mordazas

Vigo recuperou e visualizou nestas semanas o músculo obreiro que historicamente caracterizou a cidade. Milleiros de traballadores e traballadoras do metal saíron ás rúas en asembleas e manifestacións reclamando a suba salarial respecto, cando menos, o IPC, para que o encarecemento dos bens de consumo ou a vivenda non repercuta nunha brutal perda de capacidade adquisitiva. Mais, ao tempo, recuperou a cidade tamén as máis vergoñentas das súas caras, a da violencia policial contra o movemento obreiro.

Amnistía Internacional pediu onte ao Ministerio do Interior, dirixíndose ao delgado do Goberno español na Galiza e á subdelegada en Pontevedra, así como ao Defensor estatal do Pobo, investigar as actuacións dos antidisturbios e o seu “posíbel exceso” após as imaxes difundidas nas que se ven “disparos indiscriminados” contra manifestantes. 

E se falamos de represión, non se pode esquecer que a presente lexislatura remata xa sen verse derrogada a Lei Mordaza instaurada polo Goberno de Mariano Raxoi co obxectivo de desmobilizar a sociedade por medio da represión económica continua. 

Pedro Sánchez argumentou que non deu acordado un texto cos nacionalistas para reformar esta lei, porén, o mesmo pasou coa reforma laboral -na que tampouco obtivo apoio do BNG, ERC nin Bildu- mais si foi esta mudada. A pesar de seren ambas, mordaza e laboral, compromisos de derrogación que motivaron o acordo de investidura de forzas da Galiza, Euskal Herria e Catalunya, o Goberno español incumpriu e non derrogou.

Na mordaza non houbo acordo principalmente pola negativa do Executivo a prohibir o uso de pelotas de goma ou as devolucións de migrantes en quente, e ten que ser de novo a xustiza europea a que chame a atención a España cando se reprime traballadores por dicir “hai que queimar a puta bandeira”. Veremos que acontece o 23-X. Esperemos en pro da liberdade e da seguranza, que o resultado sirva tamén para derrogar dunha vez a Lei Mordaza.

Comentarios