Opinión

Policía galega

É falaz falar na actualidade da existencia dunha policía galega ou mesmo dunha policía autonómica. Tal denominación non corresponde co que realmente hai: a Unidade do Corpo Nacional de Policía de España adscrita á comunidade autónoma galega. Por iso, onte vimos o Executivo galego (por boca do vicepresidente Diego Calvo) reclamar ao español que cubra as vacantes desa unidade que opera sobre a Galiza. 

Pois si, tal e como informou o Goberno galego é o estatal quen debe completar o cadro de persoal, que na actualidade "ten un déficit" de case 30%, estima a Xunta. 
E en vez de pedir e rogar, laiarse de que o Estado non cubra as prazas, non sería o máis normal exixir a transferencia das competencias sobre Tráfico do Estado á Galiza para así poder crear un corpo policial propio e que sexa a Administración galega quen o ordene e mesmo saque as prazas a concurso sen necesidade de estar mendigando? 

Non queren escoitar disto na actual Xunta porque ter unha policía propia sería equiparar Galiza ao nivel de autogoberno de Catalunya (Policia de la Generalitat-Mossos d'Esquadra), Euskadi (Ertzaintza), Nafarroa (Policía Foral de Nafarroa) e mesmo Canarias (Cuerpo General de la Policía Canaria).

A creación dun corpo de seguridade propio, con obediencia galega e non a Madrid, non só semella o propio dun país normal, dunha Administración normal, senón que ademais se configura habitualmente, vendo os territorios que nos rodean -sexan independentes ou non-, como símbolo de autogoberno. 

Como botón, recórdense as presións de asociacións da Garda Civil e outras entidades españolistas que premeron PP e PSdeG cando estes aceptaron nun principio debater a transferencia de Tráfico á Galiza que pediu o Bloque Nacionalista Galego no Parlamento galego. Non houbo debate, pois nin sequera deixaron que se falara disto. 

E é que, coas competencias de Tráfico transferidas e un corpo policial galego, este substituiría a Garda Civil, corpo de natureza militar española que temos a día de hoxe na Galiza. 

Comentarios