Opinión

Ouro, carbón e Feixoo

Xénova, a sede do PP español que lidera Alberto Núñez Feixoo, vén de desmantelar o Goberno galego. Para uns chega o "ouro" que significa a recompensa de facer política na Galiza: "unha etapa transitoria" que todo político debe pasar para alcanzar a copa, Madrid. O propio Feixoo, que repetiu cen mil veces que a súa vocación era "Galicia, Galicia, Galicia" non deixou pasar a oportunidade de abandonar a Presidencia da Xunta da Galiza para relevar Pablo Casado despois da rebelión interna do Ayusismo e pórse así á fronte do partido a nivel español como candidato para presidir o Estado.

E agora, vén de decidir levar consigo o número dous da Xunta, o vicepresidente e conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tras estaren no centro do furacán, o primeiro polos proxectos Next Generation da Xunta que fican sen financiamento polos erros da Administración galega nas propias candidaturas da Xunta e a segunda por deixar coa súa inacción endurecerse o conflito entre bateeeiros e mexilloeiros. Agora, leva tamén consigo o portavoz do grupo popular na Cámara galega e promociona o seu núcleo duro (Mar Sánchez, entre outros nomes).

Mais non todo son premios madrileños nesta crise de goberno, tamén hai vendeta. O terremoto electoral no PP supón a fin da era Baltar. Xa o augurara Rafael Cuíña, que tamén viviu na súa familia como o PP galego se foi homoxeneizando cos anos e apartando o chamado sector da boina. "Onte falaba cun comunicador de moda en Galicia, e dicíalle que o pacto en Ourense pasaba polo PP sen Baltar, e que as presións comezaban a ser tremendas (...) Tamén que lle dixen no seu momento que cando puideran ían laminalo. Xa lle pasou a outros", escribiu Cuíña. De feito, Feixoo, nin gardou un escano no Senado para Manuel Baltar.

Ao tempo, o PP de Alberto Núñez Feixoo clarifica a súa liña de pactos no Estado, multiplicándose os cogobernos entre os populares e a ultradereita de Vox.

Comentarios