Opinión

Orgullo LGBT+ e ciencia

A base da discriminación ás persoas LGBT+ vén de lonxe, un sistema que teme e despreza a quen ve como diferente, que nega a realidade e a riqueza humana que emana da diversidade, tanto afectivo-sexual como cultural ou social. As ferramentas para afortalar o negacionismo son moitas, o ensino, as igrexas excluintes ou a divulgación de mensaxes de odio e acientíficas en redes e medios de comunicación. Odian as persoas LGBT+, odian as mulleres e non consenten que sexan libres, odian as galegofalantes e a Galiza, odian a quen escape do patrón -en todos os sentidos-. 

Neste escenario, a ciencia e o xornalismo responsábel emerxen como salvavidas para desinflar as mensaxes de odio, achegar datos e evidencias para neutralizar discursos sen base científica e serrar os piares da marxinación e da desigualdade, que son ese sistema ultradereitista e ultraespañolista que non consente o diferente, que é heteropatriarcal e está baseado na negación das realidades sociais e nacionais como a galega. Por iso non sorprenden os recortes en I+D+i ou os vetos á prensa comprometidas. Mais si, a ciencia e o xornalismo faranos libres. 

Os datos son duros. O informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade na Galiza presentado a semana pasada amosa que "as denuncias dunha situación de violencia non chegan a 10%" e que 90% das agresións físicas fican sen denunciar, nun sistema en que "as vítimas non se senten acompañadas nin protexidas polos operadores xurídicos nin polas forzas de seguridade". Aliás, as escolas vense como espazos non seguros e 65% do alumnado de ESO presenciou nas clases de Educación Física comportamentos homofóbicos entre estudantes.

  É por iso fulcral reivindicar o Orgullo LGBT+ como se fixo onte na Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense e Compostela ou como se fará mañá en Valdeorras ou o sábado en Vigo. Orgullo LGBT+, con todas as súas letras fronte ao 'Orgullo' como marca festiva e baleira de contido que difunde agora a dereita española. 

Comentarios