Opinión

Nadal de verán

Éagosto, o sol fai abrasador o asfalto e buscamos como sexa unha sombra ou un baño refrescante. Porén, o Concello de Vigo xa está a planificar o Nadal e, alén da apresurada colocación de enfeites, onte o alcalde Abel Caballero reuniu os concelleiros e as concelleiras con competencias na materia.  Dixo onte o rexedor que "o Nadal en Vigo vai ir a máis”. Din que van tratar de reducir os colapsos do ano pasado. Esperemos que sexa certo. Este que lles escribe, perdeuse varios concertos e actividades culturais non relixiosas nin natalicias tanto na cidade de Vigo como nos concellos limítrofes en decembro e xaneiro do pasado ano a causa de atascos de máis de tres horas nas zonas neurálxicas da urbe. Contrasta por iso -como sacou a relucir o BNG após a xuntanza do Goberno local de onte-, que a reunión non contara coa presenza da veciñanza directamente afectada, por medio das asociacións veciñais como por exemplo a do Casco Vello ou a Fonte do Galo, e cuxas rúas soportaron no último Nadal milleiros de coches e aglomeracións de persoas non estando, por infraestrutura e deseño, preparadas para tal nivel de congregación de vehículos e visitantes. 

Esperemos que a repetición de Abel Caballero como alcalde de Vigo após as eleccións do pasado 28 de maio non nos leve, de novo, a vivirmos obrigatoriamente tres meses de panxoliñas en español remesturadas con temas en inglés (Mariah Carey, O último Mohicano e Piratas do Caribe) e a movernos nunha cidade estresada por soportar un nivel de visitantes aglomerado nun pequeno número de rúas. Enfatizo, obrigatoriamente, porque a cidade se converte nun funil do que non poder saír para asistir a actividades culturais populares e en galego levadas a cabo desde o tecido asociativo que, afortunadamente, segue a manter a cultura galega viva e en pé. Espero que desfruten destes días de sol se estean de ferias ou non, que poidan combater as altas temperaturas coa brisa do mar ou a auga do río e, sobre todo, hoxe, en pleno mes de agosto, desexo que teñamos un Nadal respectuoso coa xente, coa cultura e coas tradicións populares do pobo. Un Nadal mellor para Vigo.

Comentarios