Opinión

Galego no Congreso

O días 26 e 27 de setembro acontecerá, previsibelmente, algo histórico que xa debera ter acontecido hai moitos anos, se sae adiante a reforma do regulamento da Cámara Baixa. Se así acontece, as deputadas e os deputados que representan ou teñen o deber de representar Galiza, porque polas catro circunscricións galegas concorreron, poderán por fin expresarse na súa propia lingua na Cámara Baixa sen seren chamados á orde por unha Presidencia do Congreso que lles apague o micrófono.

O acordo alcanzado, no marco da votación da Mesa do Congreso, bebe da composición parlamentaria actual e da necesidade dos partidos estatais de chegar a acordos coas formacións nacionalistas para viabilizar unha investidura de presidente do Goberno do Estado. Un paso de xigante conseguido en cuestión de días. Férvelle o sangue ao ultraespañolismo, non poden tolerar que o galego sexa lingua non prohibida na Cámara española. E o peor para eles é que en cuestión de días será tamén lingua oficial da UE.

aquilo que parecía “imposíbel”, como o feito de que os representantes do lexislativo se expresasen na súa propia lingua ou que idiomas de nacións sen Estado fosen oficiais na UE non eran quimeiras sen encaixe legal, senón que a lei se muda cando hai vontade ou interese político e presión popular. Con este avance logrado entendo e quero pensar que as 23 deputadas e deputados da Galiza falarán nas súas intervencións en galego.

Obvio que Néstor Rego (BNG) así o fará -xa que foi reprendido pola Presidencia do Congreso ao intervir en galego na pasada lexislatura- e quero pensar que as 13 deputadas e deputados do PP, as 7 do PSdeG e as 2 dúas de Sumar tamén o farán. Pensen na responsabilidade e o deber que teñen nas súas mans de prestixiar o galego, vailles no cargo! E, aproveitando que o 26 e 27 será o debate de investidura  de Feixoo, sería o normal que o candidato, sendo galego, fixese uso da súa lingua. Porén, non vai pasar. Feixoo cargou onte contra o galego como idioma no Congreso.

Comentarios