Opinión

É a OJE!

Mete medo a axenda da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta da Galiza, Cristina Pichel, que comezou esta semana asistindo á clausura do segundo campamento de verán organizado pola ultradereitista Organización Juvenil Española (OJE) na Galiza. Foi na Illa de Ons, e lonxe de non facer publicidade, todo o contrario, a web da Xunta da Galiza divulgou o seu impulso a estas actividades da OJE. 

Lémbrese que a OJE foi fundada no ano 1960, sucedendo a Fronte de Xuventudes da Falanxe, e encadrada no 'Movemento Nacional' do ditador Fracisco Franco. É un movemento que, como recolle a súa carta fundacional, busca "a irmandade e o adestramento da mocidade que desexe facer da súa vida un permanente acto de servizo á xustiza e á Patria, dentro do espírito cristián dos nosos maiores", recollía a carta de creación orixinal.

En Ons, coa representación do Goberno galego, ondearon a súa bandeira, azul cunha cruz vermella "potenzada", que representa a loita da "Cruzada cristiá". 

E mentres, hoxe mesmo, a Xunta da Galiza ten previsto "desaloxar" da súa sede -situada no edificio público da Administración galega- o Ateneo de Pontevedra porque non cumpre os requirimentos, di o Goberno galego, na convocatoria de locais para entidades, mais si llo dan á asociación antiabortista e ultradereitista Red Madre.   

Quen pensara ou siga pensando que a dirección do Partido Popular na Galiza ou que o Goberno galego é unha dereita centrada, moderada e galeguista está a vivir na Lúa. Presenciamos en numerosas convocatoria de axudas públicas, ben sexan a entidades sociais, culturais ou a medios de comunicación, unha continua exclusión daqueles que defenden ideais de progreso e de país para, pola contra, premiar por riba de todo a caverna. 

Se é que as ideas máis ultras da dereita e o españolismo, opus e lexionarios de Cristo e OJE de por medio non están no noso Goberno, por favor, que se rectifique e se pidan desculpas pola promoción da Xunta da Galiza ao campamento ultra da OJE na Illa de Ons. 

Comentarios