Opinión

Abel, Guetta e o mundo

Pouco acordo hai sobre a capacidade máxima do auditorio de Castrelos en Vigo. Documentos oficiais do Concello cífrano nunhas 15.000 persoas, pese a que o Goberno local afirma que no concerto de David Guetta deste domingo houbo máis de 120.000, cifra que a Policía reduce a 80.000-100.000. Porén, e alén das contas, que o DJ francés ten forte capacidade de convocatoria está claro.

Era o do domingo un suculento evento que o alcalde de Vigo aproveitou, como é costume, para telonear o francés co seu discurso sobre o escenario e previamente pasear entre o público mentres o retransmitían as pantallas instaladas a ambos os extremos do escenario e durante a actuación dos djs que precederon Guetta. Nese momento, as pantallas retransmitían o rexedor rindo, coa lenda 'O mellor alcalde do mundo'. É triste que o egocentrismo non teña teito.

Un novo récord da Administración Caballero autorregalándose medallas. Ora ben, sería de recibo non facelo en eventos que están custeados con fondos públicos que pagamos todas as viguesas e vigueses. Semellante acto de egolatría debera, canda mínimo, motivar unha desculpa. 

Dixéralle Caballero a Pedro Sánchez -cando este se enfrontou a Susana Díaz para recuperar o mando do PSOE- que erraba cando Sánchez dicía que o PSOE é de esquerdas. Sexa como for, o rexedor é hábil e soubo consolidarse nas distintas etapas que o seu partido atravesou. Agora ben, hai límites e o deste domingo foi feo. 

Do que lles falo fun testemuña e o dj soubo gañar o público. Non lles vou recomendar ningún tema, mais si aproveito que Guetta se colase nesta columna para recomendar o filme As Nadadoras, de Sally El Hosaini, con tema Titanium (Guetta e Sia) como banda sonora, e que rescata a historia real de dúas irmás sirias (Yusra e Sarah Mardini), apaixonadas da natación, e que foxen do seu país devastado pola guerra e o terrorismo do ISIS, que son enganadas polas mafias migratorias e que a punto de perecer no Mediterráneo rescatan varias vidas no medio da súa travesía. 

Comentarios