Opinión

Xogos xeopolíticos

Nada do que ocorre no panorama internacional é o que parece. A realidade oculta é moi diferente, máxime nun momento de enormes tensións entre as superpotencias. Ningunha quere caer na trampa de Tucídides. Porén, a guerra de Gaza evidencia o enferruxamento do liderado ianqui, trasos continuados fracasos en apoio de Israel na zona (os exipcios non se comprometeron e os sauditas dixeron non). Unha decadencia mal levada pode incrementar os graves riscos que se veñen acumulando dende o comezo da Guerra do Leste.

EUA, a China e Rusia dispoñen de importantes contrapesos de equilibrio, pero o declive de EUA faille xogar de farol e cometer erros de alcance (incluso bordeando o abismo, enviando portaavións ao Mediterráneo). Os ianquis cren que aínda dispoñen de suficiente poder para manipular algúns acontecementos. O problema é que a calidade dos seus principais opoñentes, así como o enorme número de inimigos e resentidos na periferia, ademais das crecentes contradicións internas do sistema imperial, constitúen un problema demasiado complexo para que EUA poida determinar (nin de lonxe) o desenlace deses mesmos acontecementos.

E, nesa fuxida cara a adiante, a Guerra do Leste vaise ampliando. O conflito israelí contra os gazatís e Hamás (antigo instrumento de Israel contra Fatah) xa forma parte dese marco xeoestratéxico, xunto co teatro bélico báltico-negro-ucraíno. Poden parecer asuntos inconexos pero neste momento son parte indisolúbel do mesmo conflito xeopolítico. A fronte ucraína está en bancarrota, a OTAN esgotou practicamente as súas bazas político-militares e ao fracaso desa estratexia –coa aniquilación dunha parte considerábel do exército da OTAN– había que buscarlle unha saída urxente. O ataque de Hamás (probabelmente consentido) venlle ben a EUA e permítelle xustificar o cambio de foco a favor de Israel mantendo a presión contra Rusia a través do acoso a Siria e, principalmente, a Irán.

Pero os perigos locais e xeopolíticos son elevados. Empezando polas consecuencias da barbarie israelí en Gaza, con millóns de civís desprazados, expropiados ou masacrados. Un xenocidio que fai palidecer calquera acto criminal (real ou imaxinario) de Hamás.

A ira islámica irá en aumento e Israel (+OTAN) terá que lidar cun exército insuficientemente adestrado e motivado (300.000 reservistas –sen experiencia militar– para tomar Gaza nun combate urbano contra Hamás e uns gazatís airados non parecen unha boa opción, como sinala Sy Hersh). Pero se Israel comete o erro de entrar en Gaza, o mundo árabe non quedará quieto. Qatar ameazou con cortar o gas á UE e Irán advertiu que se abrirían máis frontes. Coa entrada no conflito de Hezbollah ou un levantamento na Cisxordania, as cousas pódenselle poñer moi difíciles ao réxime sionista. Que fará daquela EUA?

Rusia, a China e o Sur Global apoian a creación dun Estado palestino e condenan o apartheid de Gaza. Porén, resulta moi instrutivo observar o cinismo occidental e a súa dobre vara de medir (incluso terminolóxica): israelí "asasinado", palestino "morto" (BBC). Ou cortándolle o micro a  quen denuncia o xenocidio no Europarlamento. A OTAN decide por nós.

Comentarios