Opinión

Un mundo feliz

As ovellas temen ao lobo, 
pero acaban devoradas polo pastor
(Proverbio popular)

O ser humano é esencialmente un animal libre e sociábel. No entanto, pode admitir un recorte voluntario das súas liberdades e dereitos por unha causa superior de interese público ou de perigo inminente, explicadas racionalmente e sen coerción. Nun sistema democrático, onde a transparencia, a xustiza e a liberdade serían os seus piares básicos, iso non debería supoñer un problema de maior relevancia.

Non obstante, o maltreito paradigma democrático está a sufrir na última década unha constante involución que pon en dúbida a esencia do propio sistema. Trátase, en xeral, dun proceso brando e gradual (pero sen pausa), aínda que con consecuencias iguais de inhumanas e reaccionarias que os procedementos represivos. Comezou coa gran creba bancaria de 2008 que zugou billóns dos tesouros públicos, con miles de empresas e traballadores cesantes e unha deterioración acelerada das condicións de benestar. Pero non foi suficiente, co negocio especulativo polas nubes, as finanzas necesitaban moito máis efectivo en circulación para tapar os seus buracos, que crecían máis rápido que a maltratada economía real. E, de súpeto, apareceu un Deus ex machina providencial. Nun momento crítico, con todo o sistema financeiro á beira dun novo colapso, a Covid-19 facilitou o aumento exponencial dos seus ingresos (entre un 30% e un 50% máis) mentres a pandemia cobraba centos de millóns de empregos. Coa xente ensimesmada e a combinación do multimillonario negocio global das vacinas, o peche de miles de pequenas empresas independentes (xa é suficiente con Amazon ou Walmart) e o billonario estímulo monetario dos bancos centrais, foron resoltos gran parte dos problemas do excelso 1%. Por certo, ulos proxectos Next Generation para dinamizar o tecido económico de base? 

A cuestión é como seguir con este latrocinio de forma indefinida sen que a xente esperte do seu soño, se farte das restricións de dereitos e se decate de que a eficacia das vacinas aprobadas é relativamente pobre (e aínda así se pretenda a súa obrigatoriedade). Afortunadamente, o escándalo é de tal magnitude que xa se escoitan voces de expertos opoñéndose á dubidosa praxe das doses de recordo, cada poucos meses, ante a certeza de que acabarán neutralizando o sistema inmunolóxico e derivando nunha (verdadeira) catástrofe sanitaria. Menos mal que queda alguén con luces.

Por iso crearon unha nova estratexia: a do medo. Efectivamente, no canto de impulsar mellores vacinas —máis eficaces, económicas e versátiles— e ampliar o abano actual dispoñíbel, as autoridades dedícanse ao fomento dunha campaña de terror asustando aos cidadáns con novos virus aínda máis mortíferos en vez de mellorar de forma radical o sistema económico e sanitario. Este clima de terror vénlle moi ben aos que queren que a xente siga na súa casa e non pense. O profesor Franco Vighi, da Universidade de Cardiff, explícao de forma diáfana: sen un "perigoso virus" que xustifique o estímulo monetario o sector financeiro colapsaría en calquera momento. Exacto, non lle estraguemos o xogo aos magos da alta finanza.

Comentarios