Opinión

Sahra

Nestes tempos de confusión resulta moi estimulante a aparición na escena política de mulleres intelixentes e valentes capaces de transcender a mediocridade imperante e romper os moldes do politicamente correcto. É o caso de Sahra Wagenknecht (economista e escritora), unha das dirixentes máis carismáticas de Die Linke, o partido da esquerda alemá.

Wagenknecht fai unha análise certeira do papel subordinado de Europa na Guerra do Leste. Sinala, que nese conflito "EUA loita contra a súa decadencia e Europa, e especialmente Alemaña, non deberían ter motivos para sentir nostalxia da Pax Americana". Advirte que o único que lles interesa aos ianquis é o seu dominio imperial e acusa á ministra de Asuntos Exteriores Annalena Baerbock de que a narrativa de que Europa (seguindo a EUA) está nunha loita "do ben contra o mal" é un "conto de fadas". Demanda, en consecuencia, "apostar por relacións comerciais xustas con Rusia e a China en lugar de sancións absurdas e sermóns arrogantes".

Non obstante, a súa posición máis polémica é a referida ao papel dun partido de esquerdas na sociedade occidental actual. Nunha reflexión sobre Die Linke, que se podería estender á maioría das esquerdas europeas, sinala que "non debemos converternos nun partido do estilo verde-liberal, que cos seus temas e discurso chega, no mellor dos casos, á clase media urbana e con estudos superiores. A tarefa dun partido de esquerdas debería consistir en representar a quen debe esforzarse cada vez máis por manter o seu benestar, os damnificados pola globalización neoliberal".

Sahra demanda loitar "por unha nova orde económica e social que demola o sector de traballos precarios e mal pagados e protexa os cidadáns da explotación, a inseguridade e os tiburóns financeiros". Entre tanto, para Wagenknecht, gran parte da esquerda dedícase "a privilexiar os estilos de vida, hábitos de consumo e posicións morais das minorías". Ou darlle prioridade a aspectos subordinados do sistema neoliberal (inmigración, a cuestión medioambiental...) no canto dos privilexios do 1% máis rico, a degradación económico-financeira ou as políticas neocoloniais, das que apenas se fala. Sen resolver estas cuestións non se resolverán a maioría das outras. Isto explicaría que unha masa social cada vez máis numerosa emigre a partidos de ideoloxía ultra que utilizan o malestar social para gañar adeptos. Certa esquerda tamén é responsábel.

Porén, o pensamento de Sahra é alcumado pola nova esquerda como próximo á extrema dereita. Por que –sen renunciar á defensa das minorías, pero sen poñelas por diante de problemas cruciais que afectan á maioría social– volve situar o dial sobre os problemas principais do capitalismo neoliberal, ademais de explicarllos á xente e intentar unila para lograr cambios transformadores do sistema político? Para reflexionar.

O que reclama Sahra é non deixarse enganar por carnadas elaboradas polos laboratorios de ideas das elites, deseñadas para facerlle o xogo ao sistema (enredando, fragmentando e confundindo a sociedade) evitando enfrontar os problemas críticos e principais. As enquisas augúranlle un grande apoio. Deséxolle sorte.

Comentarios