Opinión

Pandora dreams

Abomba sensacionalista sobre os capitais depositados polos súper-ricos en sociedades offshore, seguindo a pegada dos Panamá Papers de 2016 e outros “achados” anteriores de similares características, enseguida desapareceu dos telexornais e das principais cabeceiras sen maiores consecuencias para os implicados. Esta estraña maneira de “combater a corrupción”, ademais de frustrar as expectativas populares de xustiza, corre o risco de banalizar esa conduta criminal (e xustificala) ao non desprenderse ningunha consecuencia exemplar para os culpábeis. Ademais, dunha investigación deste tipo cabe agardar algo máis en canto ás claves dos paraísos fiscais e dos seus auténticos promotores e principais beneficiarios. Porén, os concienciudos xornalistas do Consorcio Internacional de Investigación (ICIJ) e contra o crime e a corrupción (OCCRP) abstivéronse de entrar no esencial do asunto: quen está detrás, permite ou tolera os paraísos fiscais?

Resulta sospeitoso comprobar que, á parte dos consabidos membros do star system cultural e deportivo, a maioría dos personaxes occidentais implicados xa non están exercendo ningún cargo político importante na actualidade (incluído o emérito Xoán Carlos ou a súa ex-amiga Corina) ou pertencen a pequenos países, a maioría emerxentes, sen moita influencia no escenario xeopolítico mundial. Porén, o país coa maior cantidade de paraísos fiscais interiores, Estados Unidos, non ten un só delincuente fiscal segundo os conspicuos xornalistas do ICIJ. Realmente marabilloso. 

Como sinala o escritor alemán Werner Rügemer a operación Pandora sinala e acusa os titulares dalgunhas empresas fantasma, pero os principais estados que promoven os paraísos fiscais e acollen esas empresas (como EUA, Reino Unido e UE) non merecen a máis mínima reprobación por parte dos “investigadores independentes”. Tampouco coñecemos os propietarios das empresas pantalla que están baixo a protección das todopoderosas xestoras de fondos de cobertura, como BlackRock, State Street ou Vanguard Group, pero si mencionan a algúns empresarios “próximos” a Putin e Xi Jinping. Ante todo, obxectividade (pártome de risa).

Outro aspecto que resulta chocante é a ausencia das grandes corporacións financeiras que tributan nos abundantes paraísos fiscais de EUA, como Dakota do Sur, Florida, Texas, Delaware ou Nevada. Ou na City de Londres e nas illas británicas do Canal ou do Caribe. Ou en países como Luxemburgo e Países Baixos. Por exemplo, en Delaware (estado que se auto-denomina “pequena marabilla” e berce político de Joe Biden) ten a súa sede legal e fiscal BlackRock (copropietaria de Amazon, Facebook, Microsoft, Tesla, Iberdrola, Banco de Santander, BBVA, Repsol...).

A razón destas ausencias e flagrantes lagoas informativas pode estar en que a investigación dos Pandora Papers foi financiada pola Open Society de Soros e outras entidades principais do establishment occidental, como (entre outras) a Fundación Ford, Rockefeller Brothers Fund, o Ministerio de Asuntos Exteriores do Reino Unido ou o Departamento de Estado de EUA. Acabáramos. Esta é a natureza da independencia dos investigadores do ICIJ. 

Comentarios