Opinión

O rapto de Europa

Que países como Francia e Alemaña teñan os seus propios criterios nacionais (por desgraza, cada vez nótase menos) non é do agrado do bloque anglo-norteamericano. O pensamento deses dous países —non exento de notábeis contradicións— máis inclinado a unhas relacións internacionais equilibradas, contrasta coa idea imperial de que os EUA-RU son os únicos que teñen dereito a decidir de forma autónoma. Os demais só deben limitarse a seguilos (así fai a obediente España), como sinala a doutrina do Destino Manifesto (EUA é unha nación elixida por Deus), parte esencial da filosofía política ianqui. 

No entanto, os desacordos transatlánticos son de longa data e funden as súas raíces nas derrotas continentais dende as guerras napoleónicas ata a II Guerra Mundial, independentemente dos países derrotados en cada contenda. Sen dúbida algunha, en todas esas guerras perdeu Europa ao quedar supeditada aos centros de poder da City e Wall Street e ao seu poderío militar. Esta afirmación pode ser relativizada con todos os matices que se queiran, pero o resultado final non cambiará este balance xeopolítico. 
Esa situación precaria empeorou nos últimos trinta anos coa entrada en escena dos países do leste, algúns deles (Polonia, países bálticos,..) ligados estreitamente ao dúo EUA-RU. Durante un tempo, o poderío económico-industrial xermano e a autonomía política e militar francesa fixo bascular o liderado da UE cara o eixo franco-alemán, pero enseguida foi percibido como unha ameaza polo establishment anglo-norteamericano. Non fai falta rebuscar demasiado para ilustrar esa tensa relación intra-OTAN: por exemplo, a decisión alemá de acceder ao gas ruso a través do gasoduto NS2 no canto de ligarse ao gas de esquisto norteamericano. Ou a renuncia de Francia e Alemaña a participar na guerra colonial de Iraq. Finalmente, esta relación inestábel volveuse crítica pola profunda crise do sistema capitalista neoliberal. O barco afunde e non hai salvavidas para todos, e Europa non interesa, salvo se acepta o papel de dócil concubina. Este é o contexto do Brexit, a formación do AUKUS e o disparo do conflito ucraíno. 

Así, o espantallo da "ameaza rusa" resulta ideal para lograr os designios do Imperio: anular Europa e encerrar Rusia nas súas fronteiras coa esperanza de inducir unha implosión auto-destrutiva, como en 1991. O caos xerado en Europa por unha guerra na Ucraína sería ideal para o éxito deste duplo obxectivo. Para desgraza dos EUA-RU, os rusos viron a xogada con moita antelación. No fondo, esta crise revela o estado de putrefacción de Occidente, cun sistema inviábel se non é con guerras coloniais, terrorismo ou o latrocinio financeiro. 

En definitiva, a dependencia da UE é un lastre terríbel e impídelle ter autoridade, prestixio e capacidade de decisión na esfera internacional. Incluso nos asuntos que lle afectan. A proba: un patético Macron intentando negociar con Putin pero dándolle respaldo á militarización de Ucraína da man de Biden e Johnson, ademais de avalar as sancións a Rusia que ocasionan miles de millóns de perdas aos países da UE. Un zombi que aviva a guerra e pide paz. Esa é a UE.

Comentarios