Opinión

Neutralizar a esquerda

Sorprende como unha parte de toda unha xeración de xornalistas que creceron coas fakes das "armas de destrución masiva" de Iraq, as groseiras montaxes realizadas durante a guerra de Iugoslavia ou as mentiras flagrantes sobre Libia e Siria, poidan tragar sen ningún filtro crítico as trolas que nos subministran diariamente sobre a Guerra do Leste, aceptando a versión totalmente nesgada que a OTAN dá do inicio das hostilidades silenciando as causas.

Felizmente, non sempre é así. Hai pouco coñeceuse un informe realizado polo Observatorio de Internet da Universidade de Stanford (SIO) e a empresa Graphika, no que se describe unha vasta operación encuberta de desinformación (outra máis) nas redes sociais (Twitter, Facebook, etc.) dirixida contra Rusia, China e Irán. Nela, utilizáronse tácticas de engano colectivo co obxecto de promover narrativas pro-occidentais falseando os datos reais, mediante unha rede masiva de "bots" en diferentes plataformas e redes sociais. A campaña centrouse na Guerra do Leste intoxicando sen freo coa "morte de civís inocentes" e outras "atrocidades cometidas polos soldados rusos" na liña da mentireira Lyudmila Denisova, a dimitida comisaria do goberno ucraíno. Curiosamente, as mesmas fakes que se utilizaron contra as tropas de Gaddafi en 2011 (seica tomaban viagra para cometer violacións masivas!) para xustificar a invasión de Libia pola OTAN.

O máis sorprendente deste informe, segundo sinala o xornalista australiano Peter Cronau, é que o SIO e Graphika teñen "conexións profundas" co sistema de seguridade nacional de EUA e participaron activamente noutras campañas de desinformación (en 2019 contra Jeremy Corbyn). Porén, o encarnizado enfrontamento en Washington entre globalistas e moderados explicaría esta filtración, igual que a escasa relevancia e o ton displicente que lle prestaron os medios mainstream a esta importante revelación. A posición disidente do prestixioso profesor da Universidade de Columbia Jeffrey Sachs é unha boa proba deste conflito interno en EUA.

Un dos elementos relevantes deste informe é que todas as contas falsas tiñan un fío condutor principal: compartían artigos e noticias de medios de comunicación financiados polo goberno ianqui, como Voice of América e Radio Free Europe, ademais de enlaces a sitios web patrocinados polo exército de EUA. Esta operación de desinformación estabeleceu perfís e medios falsos para informar de eventos manipulados na Ucraína e Asia Central co obxecto de intoxicar ao exército de crédulos e despistados que pululan na rede.

Un dos destinatarios destas campañas sería o "progresismo" político e social occidental, que traga de forma acrítica unha grande parte dese lixo propagandístico. Non é de estrañar que a extrema dereita europea vampirice parte do discurso anti-imperialista orixinal e avance ou se faga con gobernos en países como Suecia ou Italia ante a zombificación de moitas das forzas políticas de esquerda, plenamente integradas no sistema ou comendo da man de ONGs do establishment. Agardo que a rebelión de amplas capas populares europeas, cada vez máis mobilizadas, poña as cousas no seu sitio.

Comentarios