Opinión

Nagorno-Karabakh

Este territorio, tamén coñecido ata hai pouco como República de Artsakh, é un encrave (de menos de 150.000 habitantes) de maioría armenia (cristiá) inserido, como rexión autónoma, na República de Acerbaixán (musulmá) dende principios do século XX. Ese difícil equilibrio socio-político entrou en crise en 1991 coa desintegración da URSS, que facilitara a convivencia pacífica entre armenios e azarís durante décadas. Nese ano, a rexión autónoma declarouse república independente dando lugar a unha guerra non declarada entre Armenia e Acerbaixán ata que en 1994 os azarís foron derrotados. 

Non obstante, Acerbaixán nunca recoñeceu a independencia do Artsakh (Armenia tampouco) deixando o conflito a medias. En 2020 Acerbaixán decidiu ir ao desquite iniciando unha serie de escaramuzas que acabaron en guerra aberta coa derrota de Armenia en 2022. Finalmente, a semana pasada o encrave pasou a ser de soberanía azarí, despois da rendición incondicional do goberno rebelde do Artsakh, sen que Armenia movese un dedo. Pashinyan, o (anti-ruso) primeiro ministro armenio, pretendía que fosen os rusos os que defendesen o encrave, cando só eran unha forza de paz, cun mandato exclusivo de mediación. Incríbel.

En realidade, o desenlace deste conflito foi deseñado con moita anterioridade. Nikol Pashinyan irrompeu en política en 2008, un tipo vinculado a ONGs occidentais e coñecido por rexeitar calquera resultado electoral que non lle fose favorábel. Seguindo esa táctica, despois das eleccións de 2017, nas que sacou menos do 8% dos votos, aplicou o manual das "revolucións de colores" controladas por Occidente, conseguindo en 2018 ser nomeado primeiro ministro despois dun proceso de "desobediencia civil"/golpe de Estado.

Como foi posíbel? Igual que na Ucraína, co apoio durante largos anos do MI6 e das opulentas e dinámicas oenegués de George Soros (empeñado en dinamitar a convivencia pacífica no leste de Europa promocionando gobernos anti-rusos), que acabaron copando parte dos medios de comunicación e do asociacionismo xuvenil armenio, ademais de infiltrarse no exército. 

En Armenia hai un forte sentido da amizade con Rusia, por iso había que erosionar o seu prestixio acusándoa de todos os males cometidos polos dirixentes armenios e xustificar o xiro a Occidente (o último foi facer exercicios militares coa OTAN). Pero Pashinyan e algúns dirixentes de Artsakh cometeron o grave erro de vender os armenios dese encrave recoñecendo a soberanía de Acerbaixán sobre ese territorio en abril de 2023. En liña, EUA instou o Goberno do encrave a negociar con Bakú.

Os azarís tiñan todo ao seu favor (lexitimidade xurisdicional e recoñecemento internacional) para resolver o conflito polo medio que considerasen. Rusia (amiga tamén de Acerbaixán) non podía facer nada porque a República de Artsakh non formaba parte legalmente do territorio armenio. Só podía actuar, a través da Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC), en caso de ataque directo a Armenia, cousa que nunca ocorreu.

Quizais os cen mil refuxiados de Artsakh que fuxiron a Armenia lle acaben pedindo explicacións a Pashinyan pola súa traizón e ineptitude. Rusia, paciente, observa. Xa veremos. 

Comentarios