Opinión

De militarismo "democrático"

Cando se fala de países militaristas a narrativa mainstream case sempre aplica este termo a países ou réximes afastados do ámbito occidental "democrático" esquecendo, por exemplo, que o país que máis utiliza o seu exército e gasta en armamento é EUA (858 mil millóns de dólares segundo o SIPRI, máis que o conxunto dos dez seguintes no ranking). Para que gastar tanto en armas se es demócrata, non estás ameazado por ninguén e respectas as decisións pacíficas dos demais países?

En realidade, o militarismo máis perigoso ten pouco que ver con que un país teña ou non un réxime totalitario, senón con canto dedica a armarse e cal é o obxectivo de tal estratexia. Baixo esta óptica factual a realidade resulta moi diferente. Polo seu desorbitado orzamento bélico, polo número de bases militares externas (>700 por todo o planeta) e o claro obxectivo de dominio imperial baixo a ameza letal dos seus exércitos EUA é o líder indiscutíbel. Ah, tamén ten o dubidoso título de ser o único que utilizou a bomba atómica e nunca pediu perdón polos centos de miles de civís inocentes asasinados cando Xapón xa estaba derrotado.

EUA foi o país que máis intervención militares realizou (unhas 400 dende 1776, segundo un estudo da Universidade Bridgewater) contra países que se negaban a aceptar, resignados, a súa política de espolio colonial e golpes militares sanguinarios. Co resultado de millóns de mortos e desaparecidos. Nos últimos setenta anos os ianquis contaron co apoio do seu brazo militar, a OTAN. Esa organización político-militar e os seus aliados rexionais consomen case o 70% dos gastos militares mundiais. Para defenderse? Non, co obxecto de impoñer a hexemonía occidental no planeta (Afganistán, Iraq, Libia, Siria...). Cabe maior militarismo?

Só o pasado ano os fabricantes de armas occidentais ingresaron 400 mil millóns de dólares, e este ano superarán os 450 mil, a maioría como "axuda" a Ucraína. O principal beneficiario é o Complexo Militar-Industrial ianqui (con tentáculos en Europa) a través de empresas como LMT, Boeing, RTX, Rheinmetall ou Airbus, todas elas controladas polas grandes xestoras de fondos como Vanguard Group, State Street ou Blackrock, propiedade das elites financeiras anglosaxoas. O negocio da guerra é unha das principais fontes de ingresos da oligarquía internacional e, ao tempo, o instrumento utilizado para ameazar, someter e colonizar o planeta. Unha fórmula maxistral.

Do perigo deste monstro militarista xa advertiu o presidente Eisenhower no seu discurso de despedida cando afirmou profeticamente: "No goberno debemos estar vixilantes contra a asunción dunha influencia non xustificada do complexo militar-industrial [...] Nunca deberemos permitir que o peso desta combinación poña en perigo as nosas liberdades democráticas". John F. Kennedy intentou facerlle caso, por desgraza non viviu para contalo.

Porén, todos os ciclos históricos teñen un inicio, un desenvolvemento e un final e o do capitalismo militarista neoliberal está na súa fase terminal: en retroceso, fuxindo cara adiante e devorándose a si mesmo. Pero, como todos os dementes iracundos, morrerá matando.

Comentarios