Opinión

Histeria e guerra imperial

A última barbaridade diplomática, nesa peculiar carreira de despropósitos na que están embarcados os dirixentes da UE, correspondeulle á dereitista Jana Černochová, ministra de defensa da República Checa. A esta muller non lle cabía na cabeza unha resolución da Asemblea Xeral da ONU, apoiada por 120 países, que pedía un alto ao fogo en Gaza. "Avergónzome da ONU, non hai razón para que o meu país permaneza nunha organización que apoia terroristas... saiamos deste organismo", dixo Jana, aliñándose cos ultras anglos e Israel nun momento en que o masacre sionista alcanza cotas xamais imaxinadas.

Non tivo que pasar moito tempo para que os laios pola invasión rusa de Ucraína trocasen en arengas eufóricas a favor do sionismo israelí. Pero a magnitude da traxedia non permite a unanimidade, aínda que sexa nun plano puramente formal quizais quede algo da vella Europa solidaria e humanista. É o caso do presidente do Consello Europeo Charles Michel, enfrontado co fundamentalismo anglosaxón de Von der Leyen.

Conforme o modelo anglo-sionista de supremacía occidental vai facendo auga e os problemas se multiplican, co núcleo neocon ianqui fuxindo cara a adiante, as discrepancias na UE medran día a día, sexa por causa da (case esquecida) Guerra do Leste ou pola barbarie desatada por Netanyahu e o seu Goberno de integristas de extrema dereita.

Neste contexto, é posíbel que a trampa de Hamás estea dando resultado, cun mesiánico Netanyahu e o seu grupo de fanáticos dispostos a instaurar o Israel bíblico (citando as profecías de Isaías e as guerras contra Amalec) esquecendo tres milenios de historia real. Pero Netanyahu goza de pouca credibilidade en Israel, incluso entre as filas do Likud, o seu propio partido. Sobre todo, está enfrontado coa cúpula do exército, segundo o xornal Haaretz. Saben que eliminar Hamás é tan pouco realista como a idea dos ianquis de eliminar os talibán en Afganistán (en 20 anos de guerra), pero prefiren non recoñecelo. Só cabe a vinganza do talión. E a estratexia de Netanyahu, se algo sae mal, será culpar os militares igual que fixo o pasado 7 de outubro. Unha aposta demasiado arriscada, incluso fisicamente.

Pero non debemos esquecer que este conflito forma parte dun antigo proxecto. Os neocon ianquis, na súa decadente loucura, queren seguir co seu programa imperial de sometemento de Oriente Próximo. O seu proxecto orixinal de 2001 contemplaba a destrución de Iraq, Libia, Líbano, Siria, Somalia e Sudán. Irán era o sétimo país da lista. Por iso hai unha enorme flota da OTAN no Mediterráneo. Biden sabe que está xogando con lume e que a invasión de Gaza e un aumento drástico de vítimas civís precipitará a apertura dunha segunda fronte por Hezbollah coa posibilidade dunha guerra rexional máis ampla en todo o Oriente Próximo.

Será imposíbel ganala salvo que se utilicen armas nucleares e iso sería o final da historia. E canto máis dure a guerra convencional e máis bárbara se faga máis axudará a formar unha fronte unificada árabe e islámica na que Occidente será o inimigo a bater. Daquela, que fará Turquía? Ese sería un punto de inflexión de consecuencias históricas.

Comentarios