Opinión

O futuro decídese este mes

As boas intencións, especialmente as dos dirixentes políticos das grandes potencias, que  todos  manifestaron  cara ao nacente 2022  poderían verificarse se houbese suficiente sentido  común  e  visión  de  futuro.  Non  obstante, como é costume, as boas palabras case nunca van acompañadas de realidades que as sustenten. E iso é o que pode ocorrer coas conversas de Xenebra  entre as delegacións rusa e de EUA do próximo dez de xaneiro sobre a seguridade en Europa. Un inciso, ten sentido que sexan outros os que negocien a seguridade europea? Non sería razoábel que fose a UE a que marcase unha axenda exterior autónoma en beneficio da maioría social? Non parece. Ese é un dos prezos a pagar pola mediocridade e dependencia dos "dirixentes" europeos.

O máis terríbel é que estamos diante dun problema extremadamente grave que afecta ao noso futuro inmediato e a maioría social e política está nas verzas. Estamos nun punto crítico para a paz mundial por vez primeira dende a caída do muro de Berlín. Tanto que, a pesar de que os medios (públicos e privados) ocultan a realidade, EUA tivo que encaixar un ultimato ruso e sentarse a negociar. O que advertiu Moscova foron tres cousas moi claras: nin un centímetro máis de expansión da OTAN cara ao leste (é razoábel, é unha organización militar dirixida contra Rusia); eliminación de exercicios militares e das armas nucleares de alcance curto e intermedio na zona europea e acordo mutuo sobre as patrullas de buques e avións cerca das fronteiras rusas.

Se somos honestos, non se pode dicir que as demandas rusas non sexan razoábeis e beneficiosas para todos os amantes da paz e da cooperación internacional. Europa debería entender que Rusia xa non vai admitir máis trampas, agresións e incumprimentos dos acordos internacionais (ampliación da OTAN, bombardeo de Serbia, golpe de estado en Ucraína, acordos de Minsk sobre ese país, sancións á marxe da ONU, etc.). A carta que xoga Putin para facerse oír é a ampla gama de novísimas armas hipersónicas que cambiarían o equilibrio estratéxico se son emprazadas na fronteira occidental de Rusia e nos seus submarinos nucleares. Todas as capitais europeas ficarían a escasos minutos dun golpe demoledor. É terríbel, pero parece que este é o único idioma que entende o capitalismo internacional xudeo-cristián: o do lume purificador.

A Europa interésanlle unhas boas relacións con Rusia, e non repetir as quimeras da Guerra Fría. Pasaron 30 anos dende a caída da URSS e Rusia non se partiu en cachos como desexaba Brzezinski, ao contrario, renaceu das súas cinsas como un país con recursos e capacidade de subsistir á marxe de Occidente, e máis aínda despois da súa alianza estratéxica coa China. Se os novos falcóns socialdemócratas e verdes non entenden isto deberá ser a sociedade civil quen os esperte do seu soño de fantasía e luces de colores. Estaría ben que as mobilizacións antiOTAN alagasen as rúas de novo, esta vez contra algúns dos antigos "pacifistas" de hai corenta anos que cambiaron o vello e lúcido slogan "fai o amor e non a guerra" polos dólares das transnacionais e un metaverso electrónico de  encefalograma plano.

Comentarios