Opinión

O doce encanto da estupidez

Quedei gratamente sorprendido coa última película de Adam McKay Don’t Look Up, unha sátira descarnada da sociedade norteamericana (e por extensión da occidental), facilmente manipulábel. Coas inevitábeis elipses e reducionismos, McKay atrévese a facerlle a proba do algodón a todos os estamentos do poder: dende unha presidenta (Meryl Streep) unicamente preocupada pola rendibilidade electoral das súas decisións, uns medios de comunicación banais, só interesados en manter a audiencia nun marco acrítico e superficial, ata un mundo do espectáculo vulgar e endeusado, un exército corrupto e o omnipresente control social das tecnolóxicas, auténticos brazos executores do poder invisíbel.

O cineasta norteamericano, de esquerdas e seguidor de Bernie Sanders, asáñase de forma irreverente co establihsment do Partido Demócrata (a presidenta na ficción é un clon de Hillary Clinton), estreitamente vinculado coas grandes tecnolóxicas, onde un iluminado Isherwellun (unha síntese de Gates, Zuckerberg, Musk e Bezzos) dirixe, entre bastidores, os pasos da Casa Branca e do exército. O argumento é simple: un par de científicos de segundo nivel (Di Caprio e Lawrence) descobren que un cometa se vai estrelar contra o planeta e queren buscar unha solución cooperativa. Pero esa verdade non resulta oportuna para o establishment. Á presidenta venlle mal polo delicado momento electoral; os medios mainstream, afeitos ao mundo da intranscendencia e o “bo rollo”, non queren perder a audiencia cun par de lunáticos dunha universidade descoñecida; o exército está máis interesado en Oriente Próximo, ao mundo científico oficial resúltalle incómodo e as tecnolóxicas teñen unha visión diferente da realidade: o cometa máis que un perigo certo para a humanidade é unha oportunidade para quedarse cos seus minerais estratéxicos.

Cal é a consecuencia deste enorme conflito de intereses? Simple: non mires ao ceo, así ao non identificar o problema este deixa de existir.

Unha comedia satírica e divertida, histriónica nalgúns momentos, que non descoida a metáfora intelixente dun poder corrupto que vive á marxe da realidade. Non só retrata fielmente os trazos característicos da mediocridade do poder político e a superficialidade dos medios banalizando a información inconveniente, senón que se atreve a desvelar a existencia dunhas elites exclusivas que desprezan a humanidade e que sempre se gardan unha baza para a súa supervivencia sen importarlles o máis mínimo as consecuencias dos seus actos.

En definitiva, ninguén vai ter demasiados problemas en identificar o cometa cos grandes problemas cos que ten que lidar a maioría da xente e non morrer no intento: as razóns ocultas da insufríbel carestía da enerxía; as idas e voltas do mundo científico oficial dicindo unha cousa ao principio e outra ao final; uns medios de comunicación máis interesados na difamación do contrario, no escándalo e na vulgar controversia que na información veraz; e unhas empresas tecnolóxicas controladas por unhas elites empeñadas en manter á maioría social nun estado de permanente cretinismo para que non malogre os seus sinistros designios. Recomendábel.

Comentarios