Opinión

Confusión en Matrix

A desinformación sempre foi a mellor arma para derrotar o inimigo, incluso o máis forte. Ocorreu durante todas as guerras, divulgando información falsa a través da espionaxe e a contraespionaxe. Así foi como se logrou derrotar a Hitler facendo posíbel que un exército moito máis potente que o dos aliados (durante unha parte considerábel da contenda) resultase inútil fronte ao dominio da intelixencia militar por parte de rusos, americanos e, especialmente, dos ingleses. Esta mesma técnica pode ser utilizada nos ámbitos económico e político en tempos de paz, resultando incluso máis eficaz que os medios militares para asestar golpes demoledores a forzas políticas e países considerados inimigos.

Por exemplo, co apoio case unánime de xornais de dereita e esquerda estase logrando instalar na opinión pública pouco informada a idea de que Rusia está intentando invadir Ucraína. Baixo esa cobertura informativa (falsa) centos de unidades de elite e armamento da OTAN están sendo transferidas a ese país aumentando de forma exponencial a posibilidade dun enfrontamento armado. Que se intenta lograr con esa estratexia? Por un lado, que os rusos queden illados a nivel internacional, coa vantaxe de que se caen na trampa das provocacións do goberno de extrema dereita ucraíno aparecerán como culpábeis dunha agresión. Despois sería enormemente fácil incrementar as sancións económicas e poñer contra as cordas a Rusia. Iso é o que calculan. De forma simultánea, substituirían o gas ruso que vai a Europa polo esquisto americano e, de paso, o complexo militar-industrial occidental seguirá gañando miles de millóns de dólares a conta das turbulencias xeopolíticas. A mesma estratexia é a seguida contra a China no seu contencioso con Taiwán abrindo outra fronte co obxecto de coutar o desenvolvemento e o avance socio-económico do continente euroasiático.

Ese foi tamén o contexto do recente Cumio pola Democracia de Joe Biden, coa intención de fixar na mente da xente que a “democracia” só existe en Occidente (o narco-estado colombiano di Joe que tamén). Trátase de negarlle a calquera país independente ser percibido como un igual, con dereito a existir co seu propio sistema político escollido de forma soberana. Moi claro, ou te sometes aos designios imperiais de EUA ou pagarás a ousadía. Entre tanto, no “paraíso” occidental a acelerada desigualdade social corroe o país facendo as elites cada vez máis súper-ricas, datos que xustifican que a aceptación de Biden apenas sexa superior ao 30% e a da súa vicepresidente Kamala (da que xa non se fala) non pase do 20%. É iso democracia ou plutocracia? Segundo os novos tecno-gurús o futuro que nos agarda será un Metaverso de avatares, verdadeira metáfora do mundo virtual en que viven algúns membros das elites mundiais (e os incautos que confunden ficción e realidade).

Terán éxito con ese xogo? Chineses e rusos comparten a virtude da paciencia estratéxica oriental. O problema estriba en se nos EUA algún binomio de iluminados Strangelove-Ripper se cre o xogo virtual no que viven e acabamos todos no inferno (real) do holocausto nuclear. Son os riscos de vivir na “nube”.

Comentarios