Opinión

Cambio de paradigma

Anda o mundo alporizado polo imprevisto acceso de Donald Trump á presidencia americana. De repente, prodúcese unha sorprendente coincidencia de enfoques na avaliación deste suceso entre certos sectores da esquerda e a CNN, xunto a outros medios televisivos afectos ao mainstream do sistema. Resulta estraño porque a cadea televisiva norteamericana serviu de guía ao mundo para amosar as marabillas da globalización neoliberal e a xustiza das “guerras de protección” de Iraq, Afganistán, Libia, Somalia, Siria, Sudán, Iemen, … Guerras que continuou ou iniciou o Nobel da Paz Barack Obama durante o seu ‘digno’ —mainstream dixit— mandato presidencial, coa colaboración entusiasta de Hillary Clinton, producindo unha terríbel devastación e miseria neses países, ademais de deixar millóns de mortos e refuxiados no camiño, nunha espiral de violencia sen fin que chega ata os nosos días. Un “gran legado” que non merece a máis mínima opinión negativa por parte dos grandes medios. 

Sen embargo, a miña estrañeza non radica na lexítima e necesaria crítica sobre a misoxinia de Trump ou dos seus arrebatos xenófobos que, non o esquezamos, coñecemos en esencia a través da imaxe que eses mesmos media dominantes proxectan sobre o novo presidente americano. Incluso sería criticábel que un individuo co seu impresionante potencial económico se converta en presidente do país máis poderoso do mundo. No entanto, deberiamos meditar que os anteriores presidentes de EE.UU. chegaron á Casa Branca co apoio explícito de Wall Street e da inmensa maioría das transnacionais que controlan a economía do planeta e cuxa incalculábel riqueza e poderío son infinitamente superiores aos que poida soñar o propio Trump. Exactamente o contrario do que sucedeu nesta ocasión, aínda que o actual presidente conta con algúns apoios nese campo, mais é innegábel que o establishment o considera un outsider —ao contrario que Hillary Clinton—, e personaxes relevantes das elites como George Soros combáteno abertamente, inventando de todo, como a delirante afirmación de que gañou as eleccións grazas a Rusia.

Dende hai anos estase producindo unha corrente mundial oposta á Globalización económica; hai unha opinión pública maioritaria no mundo que non comparte a rapina e o poder omnímodo do capital financeiro

Dende hai anos estase producindo unha corrente mundial oposta á Globalización económica; hai unha opinión pública maioritaria no mundo que non comparte a rapina e o poder omnímodo do capital financeiro. O mesmo que exerce o control sobre numerosos gobernos a través do suborno dos seus líderes e que acaba ditando a política de “austeridade” e a dramática involución en materia de dereitos sociais e de emprego que padecen millóns de persoas en todo o planeta. A oposición pola esquerda a esta última ofensiva neoliberal comezou hai máis dunha década en América Latina da man de líderes como Hugo Chávez ou Lula Dasilva aos que o establishment mundial acosou, ou apartou do goberno, utilizando os métodos máis infames. A loita pola dignidade nesa parte do mundo continúa, con graves dificultades, mentres a esquerda europea se move entre a plena colaboración sistémica da socialdemocracia clásica e a confusión dos movementos alternativos, divididos en múltiples correntes que se combaten entre si. Quizais, por iso, resulte significativo que as forzas que máis éxito están conseguindo contra a axenda neoliberal son as que o sistema cataloga como de extrema dereita ou euroescépticas e que nos distintos comicios que se celebrarán este ano no vello continente teñen moitas probabilidades de facerse co goberno (ou exercer unha influencia decisiva) nos seus respectivos países (por ex: Francia, Holanda, Alemaña …). A pesar de certos elementos discursivos inaceptábeis é innegábel que lograron conectar con amplas capas de traballadores dirixindo a súa artillaría política contra a banca e as elites da UE, ademais de criticar a globalización e as guerras imperialistas. Sería un simplismo relacionar a estas forzas de forma automática co nazismo ou o antisemitismo dos anos previos á II Guerra Mundial, como fan, por exemplo, a CNN e algunha xente amante do “politicamente correcto”. Daquela, os nazis contaban co apoio dese establishment, por moito que agora intenten ocultalo.

Todo apunta a unha ruptura interna das elites, profundamente divididas sobre a pertinencia de seguir co modelo financista (puramente especulativo) ou camiñar cara a un modelo industrial racionalizado, como acaba de propoñer China

Creo que a esquerda debería madurar, espertar do seu prolongado letargo intelectual e facer unha análise obxectiva da nova época, afastada de lugares comúns propios doutros tempos, se quere pintar algo no panorama político do século XXI. No mundo estase producindo un cambio de paradigma que se palpa en sucesos como o Brexit, a chegada de Trump, os novos aliñamentos xeoestratéxicos en  Medio Oriente ou o nacemento da multipolaridade, con países como Rusia e China marcando a axenda mundial neste momento e que, sen dúbida,  devirán en actores decisivos no inmediato futuro. Aínda que con aspectos contraditorios hai unha sociedade mellor informada, grazas á revolución científico-técnica das últimas décadas, consecuencia paradoxal da globalización. Esta novísima situación reflicte un cambio radical en relación coa época de predominio unipolar estadounidense dos últimos trinta anos. Todo apunta a unha ruptura interna das elites, profundamente divididas sobre a pertinencia de seguir co modelo financista (puramente especulativo) ou camiñar cara a un modelo industrial racionalizado, como acaba de propoñer China, levando adiante unha estrita regulación dos mercados financeiros.   

Este cambio, de materializarse, aínda que fose parcialmente, tería transcendentes implicacións para o futuro da Humanidade. De entrada, estase xa producindo unha tensa loita intestina no seo das elites, ademais da esixencia dunha configuración diferente da ONU que debería refundarse sobre unhas bases máis democráticas e plurais, dándolle máis protagonismo aos países emerxentes en detrimento do clan angloestadounidense. Un signo de identidade do novo paradigma consistiría en substituír a política de confrontación nas relacións internacionais pola de cooperación pacífica entre as nacións do mundo. Iso sería o desexábel e a iso deberiamos dedicarnos todos os que pensamos en clave de esquerda. 

Verín, xaneiro 2017

Comentarios