Opinión

A arrogancia dos necios

A tradición europea de pensadores brillantes, que agasallou o mundo nos últimos séculos cunhas mentes preclaras e independentes, está sufrindo unha grave crise existencial. Da mediocre e robotizada clase política institucional europea non agardo nada. Incluso, atopar na vella Europa algunha cabeza pensante de certa relevancia, con criterio propio sobre o que ocorre no mundo (e independente dun think tank subornado pola banca internacional), resulta tan extenuante como a busca existencial de Dióxenes.

Laméntase o ex diplomático hindú MK Bhadrakumar, que case ninguén se decata de que a influencia política, económica e militar de Occidente está tan minguada que xa non é quen de impoñer os seus ditados aos outrora submisos súbditos imperiais. Refírese á humillante derrota (outra máis) da diplomacia ianqui, no seu intento de que a OPEP+ incrementase a produción de petróleo co obxectivo de debilitar a Rusia. Ocorreu exactamente o contrario: a semana pasada acordou reducir a súa produción en 2 millóns de barrís diarios. Ata un indignado Biden recoñeceu que esa decisión significaba unha "clara aliñación xeopolítica con Rusia".

Ao contrario que na UE, o denominado "Sur global" entende que a Guerra do Leste ten unha dimensión territorial que excede a Ucraína. Trátase dunha guerra mundial (limitada) na que está en xogo o futuro do planeta. Pero a maioría da esquerda europea non é capaz de visualizalo, pódenlle máis os infantís e irracionais prexuízos anti-rusos, cultivados con esmero polo Occidente neoliberal, que a necesidade dun prudente exercicio de racionalización e pensamento independente, onde se pode ser crítico sen caer na superficialidade política e no simplismo intelectual.

Así, algúns, pensaban ata hai uns días que Rusia estaba a punto de ser derrotada pola OTAN (incluso a pesar dunha curiosa ofensiva ucraína que xa levaba máis dun mes sen lograr nada máis que milleiros de mortos propios e a "conquista" dalgunhas aldeas deshabitadas). Unha "ofensiva" que coincidiu cos referendos masivos de Novarossía de integración en Rusia (que xa votaba antes da guerra a favor de líderes pro-rusos). Un observador intelixente (incluso anti-Putin) admitiría que é Rusia quen controla os tempos e non ao revés.

E nisto, Zelenski (azuado polos seus amigos de Washington e do MI-6) non só esixiu á OTAN un ataque nuclear preventivo (que barbaridade!), senón que na súa miopía suicida ocorréuselle a feliz idea de permitir un acto terrorista contra un obxectivo civil ruso, a ponte de Crimea. Craso erro, o terrorismo non gana guerras, só é unha proba de debilidade.

Ese foi o sinal para o inicio da fase 2.0 da guerra. Os duros golpes infrinxidos os últimos días á infraestrutura institucional, de seguridade e de servizos esenciais ucraínos confirmaríalle a calquera observador intelixente que os rusos van en serio e que a Europa convenlle canto antes unha solución pacífica despois de nove anos de despropósitos. En calquera conflito todos os contendentes teñen algunha parte de razón, por iso o razoábel e intelixente é negociar. Non decatarse desta simple realidade levará ao Armagedón, e daquela todos calvos.

Comentarios