Opinión

Arde París, arderá Europa?

Mentres a pasada fin de semana tiña lugar en París o desfile de alta costura da casa Dior, entre gasas e encaixes só ao alcance dos ultra ricos, en varias localidades francesas, incluídos os suburbios da capital, multitudes furiosas queimaban ducias de edificios públicos e privados e centos de automóbiles. A metáfora de Occidente, as elites e o 1% máis rico non se inmutan o máis mínimo polo que lles sucede aos parias da terra. Viven felices nos seus Camelot de altas murallas, custodiados polos 50.000 policías que Macron puxo á súa disposición.

O motivo das protestas, que se prolongan dende finais de xuño, foi o asasinato pola Policía de Nahel, un mozo inmigrante do norte de África. Nahel tiña numerosos antecedentes por roubo e venta de drogas. Pero as bandas xuvenís de inmigrantes e o racismo policial son a consecuencia, non a causa. O problema subxacente, como sinalan diversos alcaldes de cidades francesas, é o nivel de pobreza existente nos suburbios, nos que prolifera a delincuencia como saída a unha situación insostíbel ("incluso os que traballan non poden saír adiante"). Como noutras cidades europeas, onde unha economía de servizos cada vez máis cativa non pode dar emprego nin cobertura social suficiente a moita xente. Nestas circunstancias, os inmigrantes sempre estarán á cola de todo tipo de dereitos.

Reflexionemos. Non se pode explotar de forma desapiadada o continente africano, como fan Francia e outros países occidentais, espoliando as súas riquezas e alentar de forma simultánea as mafias que negocian coa desesperación dos nativos. O que se crea é un problema perverso, esencialmente insolúbel, non hai unha capacidade inesgotábel de asilo en condicións dignas. Esta espiral só se pode resolver coa fin da espoliación neocolonial en África e o cambio do sistema neoliberal en Occidente. Non hai outra alternativa, e os enfoques de moitas organizacións progres que non queren ir ao fondo da cuestión (nin desentoar no seu discurso politicamente correcto) non só non resolverán nada senón que contribuirán á cronificación do problema alimentando a xenofobia, o autoritarismo, a radicalización fascista e unha involución política irreversíbel a medio prazo. Traballar para o inglés, como dicimos nas Rías Baixas.

Entre tanto, recursos inxentes da UE, imprescindíbeis para atender as necesidades sociais dos máis vulnerábeis, están sendo dirixidos a ese pozo sen fondo que é Ucraína que absorbe miles de millóns de euros en armamento e axudas varias sen practicamente ningún tipo de control. O único que se consegue son máis mortes ao tempo que Europa se mergulla na recesión económica e na involución política.

Este camiño á auto-destrución xa lle mete medo a persoeiros relevantes do establishment como Richard N. Haass, o antigo presidente do prestixioso Consello de Relacións Exteriores norteamericano. Haass advirte en The New York Times que o perigo é EUA (Occidente), non os demais, nunha rara autocrítica na que amosa a súa desilusión e renega do camiño suicida occidental. E faino despois de contribuír durante decenios a construír o sistema corporativo desigual que agora detesta. Toda unha revelación.

Comentarios