Opinión

A trampa ucraína

Estamos diante dunha (perigosa) farsa, como aquela de 2003 coas "armas de destrución masiva de Saddam", como argumento da OTAN para invadir Iraq. Non había tal, pero a invasión causou máis dun millón de mortos e desprazados, un país en ruínas, unha alza brutal da enerxía e a explosión do terrorismo islámico no planeta. Agora cambiárona pola inexistente "ameaza rusa" ("prensa libre" dixit), creando o oportuno pánico "escénico" coa evacuación das embaixadas dos AUKUS. 
A OTAN naceu para enfrontar a URSS, é dicir o comunismo. Coa desaparición da Unión Soviética a finais do pasado século sen pegar un tiro, o normal sería que desaparecese tamén a OTAN. Xa non había causa que enfrontar: toda Europa era capitalista. Non facelo foi o recoñecemento explícito de que a súa razón de existir era outra: non tolerar a existencia de nacións soberanas non sometidas ao Imperio Transatlántico. Así, a pesar de prometérenlle a Gorbachov que non avanzarían cara ao leste, moitos dos antigos aliados e membros da URSS, cos grandes oligarcas ben untados, acabaron ingresando na OTAN.

Cada país é libre de integrarse onde queira, o problema estriba en que ese bloque militar leva tres décadas organizando golpes de estado no leste e colocando gobernos rusófobos ou bombardeando Serbia (aliada de Rusia), instalando mísiles nas súas fronteiras e rodeando por completo a Rusia de norte a sur. Ninguén pode dicir que esa expansión sexa neutral e, menos aínda, pacífica. Cal é o obxectivo? Acosar, debilitar e desmembrar Rusia e facerse coas súas inmensas riquezas. Intentárono con Chechenia, pero saíulles mal. 

Ucraína era unha república ex soviética cunha potente industria tecnolóxica, ultimamente en ruínas pola corrupción e a "venda" das súas empresas ao capital ianqui. Todo comezou en 2014, cun golpe de estado orquestrado pola OTAN instalando un goberno rusófobo e desatando, como reacción, a secesión das repúblicas do Donbáss (Donetsk e Lugansk) e Crimea, coa integración (mediante referendo) desta en Rusia. Non se escandalicen, a OTAN fixo o mesmo en Kosovo (apoiada nas mafias do narcotráfico) e sen consultar a ninguén. A realidade é que o CS da ONU avalou en 2015 un proceso de paz no Donbáss (Acordos de Minsk) que Alemaña, Francia e Rusia deberían garantir. Eses acordos esixen de Ucraína recoñecer a autonomía do Donbáss ademais de non situar armas ofensivas na zona, pero nada diso se cumpriu. Ao contrario, a OTAN está militarizando Ucraína e Rusia sitúa tropas (dentro das súas fronteiras) como resposta, esixindo o cumprimento dos Acordos de Minsk. Unha demanda excesiva? 

Algúns non se decatan de que EUA e RU o que pretenden é crear caos no vello continente para anulalo política, militar e economicamente. Croacia e o vicealmirante alemán Schönbach, dimitido hai uns días, téñeno claro. Ata o goberno ucraíno desmente que vexa ningunha ofensiva rusa, pero a Anglosfera apoiada en alpabardas como o Goberno español non para de intoxicar co espantallo do Kremlin. Os europeos o que necesitamos é paz, independencia e cooperación internacional para remontar a crise, e a crecente división no seo da OTAN é un bo sinal.

Comentarios