Opinión

A OTAN quere guerra

A agresividade desbocada da OTAN queda ilustrada de forma nítida coa celebración do seu cumio en Lituania, a escasos quilómetros da fronteira coa Federación Rusa. Unha provocación máis, coa designación de Rusia como principal ameaza e o acordo dos países membros de dedicar, como mínimo, o 2% do PIB a gastos militares. Para España significará duplicar a súa cota, disparando a súa avultada débeda pública que xa alcanza o 113% do PIB. Que disparate suicida.

Pero a cousa non queda aí, a activación de 300.000 soldados en Europa en situación de máxima alerta, incrementará os gastos reais da estrutura OTAN para este ano noutro 10%. En definitiva, a aloucada política militar expansionista da Alianza Atlántica levaranos ao colapso económico e abocaranos, quizais (se alguén non o remedia), a un conflito directo con Rusia, e todo para satisfacer o hexemonismo e a ansia insaciábel do capital financeiro anglosaxón. Vaia, e que fai a esquerda?

A ese sinistro obxectivo contribuirá o subministro de EUA a Ucraína de bombas de fragmentación. Resulta curioso, porque todos os países da UE subscribiron a Convención sobre Municións de Fragmentación que obriga aos seus membros "nunca, e baixo ningunha circunstancia, a asistir, promover ou inducir ... calquera actividade prohibida por un estado baixo esta convención... ou de axudar a transferir directa ou indirectamente este tipo de munición". Iso debería implicar, de forma automática, que a UE deixase de prestar axuda a Ucraína ou impedir que se utilice o seu territorio para o traslado das bombas.

Xa, pero a democrática Europa non o vai facer. E a escalada segue, por iso Macron (cunha rebelión intermitente en Francia) prometeu subministrar mísiles de largo alcance a Ucraína. Ou a entrada de Suecia no club, unha clara operación propagandística para maior gloria de Erdogan. Trátase dun país que xa estaba colaborando activamente coa OTAN (axudou indirectamente na operación de sabotaxe dos Nord Stream I-II, ocorrida en augas da súa zona 
económica exclusiva).

Por que todas estas "novidades"? Evidente: para ocultar en Vilnius o indixeríbel fracaso da contraofensiva ucraína. Xa non se fala dela, como se nunca existise. E Rusia? Sen inmutarse, acaba de revelar a existencia dunha reunión de Putin con Prigozhin despois do "motín" amosando que non foi tal, como sinalei noutro artigo. Como dicía Churchill, Rusia é unha adiviña, envolta nun misterio, dentro dun enigma. 

Pero para que unha organización militarista e intervencionista á deriva, como a OTAN, sexa percibida como heroica e eficaz cómpre manexar a narrativa adecuada. Para iso está toda a cosmética anterior. Ou a NAFO, encargada de contribuír á guerra de (des)información. Os seus membros, financiados e motivados pola OTAN, actúan como troles moi activos en internet, ademais de recadar fondos (baixo unha falsa imaxe de organización social progre) para os paramilitares que colaboran co exército ucraíno.

Ese foi o caso dos 400.000 dólares doados o ano pasado á Lexión de Xeorxia, acusada de crimes de guerra e con compoñentes de extrema dereita e neonazis. No problem. O problema é Europa, que segue nas verzas.

Comentarios