Opinión

Foise Elvira, mestra e artista comprometida

Que complicado é sentarse diante do teclado e tratar de resumir nun folio a vida e obra dunha persoa e moito máis de Elvira, mestra, compañeira de tarefas e, sobre todo, amiga. O meu primeiro contacto con ela foi hai corenta e sete anos en Zaragoza, cando asistín como alumna a un curso de Formación en Expresión Plástica. Coñecela abriume todo un mundo, de experiencias, afectos e coñecementos da realidade educativa e política. Ela viña de Bos Aires cunha cultura sobranceira e afeita a participar en actividade militante contra as ditaduras. Eu viña do franquismo cunha educación persoal e profesional cativa. Con ela fíxenme consciente do importante que é estar ben informada, do que é a liberdade de expresión, o sentido crítico e o traballo en equipo; pero sobre todo aprendín que na escola hai que traballar a partir do coñecemento serio e respectuoso das persoas e de empregar as ferramentas educativas para abrir as mentes e desenvolver capacidades. A partir de aí cambiei a forma de pensar e de ensinar e compartín con Elvira traballos (cursos para o profesorado, libros...) e amizade.

Elvira Martínez Lorenzo finou o pasado 31 de outubro e con estas notas quero compartir o meu sentimento e facer un percorrido pola súa traxectoria vital e profesional. 

Contar quen e como era faino ela mesma na presentación de un dos seus libros.

Nacín un vintecinco de setembro de mil novecentos corenta e dous, supoño, que as últimas moscas do verán voarían pola casa, recostada no rio, anunciando a incipiente vendima. Era mediodía.

Foi un mal ano, creo, os pucheiros tiñan máis auga que comida, pensar era un exercicio perigoso, a obediencia rutina. As hordas fascistas arrasaban Europa. Fun emigrante cautiva na lonxana América distinta.

Un amigo, animoume a publicar o meu primeiro conto, alá polos sesenta, e escribín sen parar, como exercicio da alma inqueda e vixiante.

Despois chegou a vida e arrastroume por outros camiños en voltas e présas, e aquí estou vella en anos e novel en versos, facendo o que sempre quixen, confesarlle ao papel as miñas alegrías, os duelos e quebrantos que vivo.

E ao longo desas voltas da vida estudou Ciencias Antropolóxicas e Maxisterio na Arxentina. Volveu a Galiza e completou a súa formación, e fixo parte da Estampa Popular Galega, o grupo de artistas que, entre finais dos anos sesenta e comezos dos setenta, buscaban a democratización do arte e o compromiso político-cultural co país.

Traballou como mestra especialista en Expresión Plástica na Escola Rosalía de Castro en Vigo desde 1970 até 2009 con alumnado desde os 3 aos 18 anos, á vez que formaba profesorado na área colaborando cos ICES de varias universidades e as escolas de Verán de Madrid, o País Vasco, Lugo, A Coruña, Estremadura e Vigo. Foi coautora das Unidades didácticas do programa de especialización en Expresión Plástica do profesorado de EXB e relatora dos cursos presenciais; consultora do MEC desde 1980 e participante na elaboración dos Programas Renovados do 1982. Elaborou os programas de expresión Plástica da Xunta da Galiza e varias das unidades que os desenvolven... e, entre uns e outros, colaborou habitualmente en revistas profesionais e publicou libros: O Collage, e A Arxila (nos Papeis de Acción Educativa), A orixe da expresión e a Afirmación da expresión (ed. Cincel), A expresión plástica na aula (Ir indo). E sen deixar de facelo nunca, a partir da xubilación, retomou a tempo completo a súa paixón pola escrita e a pintura da que xurdiron varios libros e exposicións. As persoas que compartimos o teu tempo, que gozamos do teu bo facer e da túa sabedoría, terémoste sempre presente.

Comentarios