Debate

Pontón denuncia unha investidura na que a Galiza “non conta” para as forzas estatais

A portavoz nacional do BNG denuncia que o proceso de investidura de Pedro Sánchez amosou “dun xeito descarnado” que a Galiza “non conta nada” para PP, PSOE e Unidas Podemos. Ademais Ana Pontón reclamou máis medios contra a violencia machista e que non se pacte coa ultradereita que practica un discurso negacionista do machismo.
Ana Pontón na rolda de prensa
photo_camera Ana Pontón na rolda de prensa

O debate de investidura no Congreso dos Deputados que comezou esta segunda feira 22 de xullo forma parte dun longo proceso que Ana Pontón denunciou por “a Galiza non ter contado nada”. Así, a portavoz nacional do BNG salientou que as negociacións e os debates producidos para elixir presidente e conformar o goberno central deixan unha lectura ben clara: “a irrelevancia política á que as forzas estatais conducen a Galiza”.

“Nestes tres meses desde as eleccións vimos de todo. O único que non vimos foi Galiza”, lamentou Pontón

“Nestes tres meses desde as eleccións vimos de todo. O único que non vimos foi Galiza”, lamentou Pontón nunha rolda de prensa esta mañá en Compostela. A portavoz nacional do BNG sinalou que "quedou en evidencia dun xeito descarnado que PP, PSOE e Podemos levan a Galiza á irrelevancia política con consecuencias tremendamente preocupantes porque en Madrid tómanse decisións que afectan as nosas vidas e ao noso desenvolvemento como país”, esgrimiu a líder nacionalista.

Nese sentido sinalou unha serie de cuestións relevantes que en Madrid se deciden e que afectan as galegas e galegos como “financiar a nosa sanidade e educación, as peaxes que pagamos por circular pola AP-9, a modernización do transporte ferroviario, o marco enerxético que condiciona miles de empregos ou un sistema de financiamento discriminatorio”, e fronte a iso denunciou que “nestes tres meses, -en referencia ás negociacións para a investidura-, non nos dixeron que os problemas dos e das galegas non van ter solución, porque nin tan sequera están na axenda”, denunciou a líder nacionalista. Nesa liña, Pontón tamén criticou que “ningunha nin ningún dos 23 deputados e deputadas electos pola Galiza introduciu no debate de investidura unha soa proposta que teña que ver coa defensa dos intereses do país e limítanse a obedecer as directrices das súas direccións madrileñas”.

Pontón debullou o proceso de investidura como “un retrato perfecto da discriminación das forzas estatais” e asegurou que o debate no Congreso deixará ver como no Estado si están pendentes de Euskadi ou de Catalunya

Pontón debullou o proceso de investidura como “un retrato perfecto da discriminación das forzas estatais” e asegurou que o debate no Congreso deixará ver como no Estado están pendentes de Euskadi ou de Catalunya, das súas posicións e demandas porque van ser decisivas. Porén, preguntouse se “alguén está pendente da Galiza?”, e respostou que “por desgraza non, porque eses 23 deputadas e deputados van votar o que lles diga Sánchez, Iglesias ou Casado e non van votar coa cabeza posta nas necesidades dos galegos e das galegas”, afondou Pontón.

A líder nacionalista chamou a aproveitar o Día da Patria Galega para encher as rúas de Santiago “nunha xornada de reivindicación de todas as persoas que pensan que a Galiza merece ter un futuro"

O Bloque chama a lograr un masivo Día da Patria Galega

A líder nacionalista chamou a aproveitar o Día da Patria Galega para encher as rúas de Santiago “nunha xornada de reivindicación de todas as persoas que pensan que a Galiza merece ter un futuro, e que para construílo é preciso un proxecto político propio como o que representa o BNG”. afirmou.

Engadiu ademais que “fronte a ese retrato de discriminación, agravio e pasotismo co país, este 25 de Xullo temos a oportunidade de mandar unha mensaxe diferente: a dunha Galiza orgullosa que quere tomar as rendas do seu futuro e reivindica outro papel do Estado”, proclamou.

Así, Pontón chamou a “tomar as rúas para expresar que queremos abrir un tempo novo que deixe atrás o decenio negro de Feixoo” e animou a sociedade galega a amosar todo o potencial e a capacidade do país, expresar a necesidade de iniciar un novo ciclo político. Por eses motivos que esgrimiu fixo un chamamento a todas as persoas “cansas de ver que non hai as oportunidades que debería, cansas de ver como o Estado nos discrimina e de ver un goberno da Xunta incapaz de dar solucións”. Razóns polas que chamou as galegas e galegos a sumarse á manifestación que convoca o Bloque para “fortalecer a alternativa dun cambio real que pasa polo BNG”, concluíu.

A manifestación partirá o 25 de xullo ás 12 horas da alameda de Compostela.

Pontón arrancou a comparecencia expresando a condena polo último asasinato machista

A portavoz do BNG iniciou a comparecencia antes os medios condenando o último asasinato machista e trasladando a solidariedade e apoio á familia e amizades de María “nun momento tan duro”, afirmou, ao tempo que pedía sumarse ás concentracións de repulsa convocadas polo movemento feminista.

Un novo crime contra as mulleres”, que segundo a líder nacionalista, “obriga a unha dupla  reflexión. En primeiro lugar, a necesidade de abandonar todo conformismo na loita contra este problema “analizando todo o que falla para corrixilo, ademais de reclamar maiores medios e recursos para combater o terrorismo de xénero”, sinalou Pontón.

E, como segunda reflexión, Pontón situou o feito de que existan forzas políticas como a ultradereita que nega a existencia da violencia machista “alentando un discurso moi perigoso que mesmo dá osíxeno a esta violencia”, denunciou, e engadiu que “non podemos permitir que este discurso se normalice, nin pactar coas forzas que o promoven”.

Comentarios