Imprimir

Denuncian despidos no Hospital HM Rosaleda na crise pola COVID-19

Redacción | 23 de marzo de 2020

Centro hospitalario HM A Rosaleda en Santiago de Compostela (Imaxe: HM Hospitais)
Centro hospitalario HM A Rosaleda en Santiago de Compostela (Imaxe: HM Hospitais)
O comité de empresa deste centro hospitalario de Santiago de Compostela asegura que a compañía HM Hospitais trata de forzar ao seu cadro de persoal a coller vacacións, días de suspensión de emprego e salario ou a optar pola redución da súa xornada. A compañía nega os feitos e asegura que unicamente se decidiu non renovar aqueles contratos temporais de persoal "que non se atopa en primeira liña na batalla" contra a enfermidade.

O comité de empresa do hospital HM A Rosaleda, situado en Santiago de Compostela, asegura que entre a pasada sexta feira e a xornada de hoxe foron despedidas traballadoras do centro. "Non temos certeza de cantas, porque aínda que o solicitamos á empresa esta non nos facilitou máis información", denuncia Ana Varela, presidenta da mesa sindical. O centro hospitalario é propiedade da cadea de hospitais privados HM Hospitais.

Segundo Varela, a compañía despediu a unha administrativa e mais a tres técnicas de raios. "Ao mesmo tempo que o Servizo Galego de Saúde informa de que precisan a máis persoal, aquí decidiron despedilo", censura, engadindo que nun comunicado, a compañía suxire ao cadro de persoal a posibilidade de ser trasladado a centros da comunidade de Madrid, o punto do Estado no que se concentra un maior número de contaxios pola COVID-19.

"Ao mesmo tempo que o Servizo Galego de Saúde informa de que precisan a máis persoal, aquí decidiron despedilo"

Nun correo difundido entre o persoal, a compañía HM Hospitais comparte que os seus centros en Madrid “superaron con moito a súa capacidade asistencial e necesitan da nosa axuda”. Por este motivo, e porque desde a compañía considérase que na Galiza “grazas ás medidas de restrición máis temperás e á dispersión xeográfica” é posíbel “aplanar a curva de contaxios”, convida ás profesionais de enfermaría a trasladarse á comunidade madrileña. “Organizaremos o transporte e aloxamento e poderás poñer o teu grao de area nesta dura batalla”, indica a empresa.

Correo electrónico difundido entre as traballadoras do hospital privado HM A Rosaleda en Santiago de Compostela

Noutra circular partillada nas instalacións de HM A Rosaleda, a compañía explica que, a raíz das medidas adoptadas polo Goberno do Estado para evitar a propagación da pandemia, enfróntase ao deber de "reorganizar e reordenar os servizos, sanitarios e non sanitarios” coa fin de que “só estea en cada momento a “xente absolutamente necesaria para dar cobertura á actividade existente nos servizos que realmente son precisos”.

Para acadar este obxectivo, a dirección de HM Hospitais anima ao seu cadro de persoal e “arrimar o ombreiro” “gozando” das vacacións “de xeito rotatorio”, a optar pola posibilidade de “permisos ou suspensións de emprego e soldo”, “distribución irregular da xornada con días a recuperar máis adiante” ou á redución de xornada, entre outras opcións.

Circular difundida entre as traballadoras do hospital privado HM A Rosaleda en Santiago de Compostela

Sen medidas de protección

Esta traballadora do departamento de raios tamén afirma que até o día de hoxe o persoal non contaba con medidas de protección efectivas contra a nova cepa de coronavirus. No centro suma un total de nove pacientes illadas, oito das cales obtiveron un resultado positivo nas probas para detectar a infección da COVID-19. Algunhas destas doentes foron trasladadas desde a residencia de maiores Domus Vi San Lázaro, na que se detectou un brote de coronavirus a pasada semana.

"Até esta segunda feira, as enfermeiras estábanlles dando de comer a estas persoas só coa protección dunha máscara quirúrxica", apunta Varela, e non as recomendadas FFP2 ou FFP3. "Tampouco nos ofreceron ningunha formación sobre os protocolos a seguir", asegura a presidenta da mesa sindical.

HM Hospitais nega as acusacións

Nun comunicado remitido a este medio, a empresa HM Hospitais nega os despedimentos, explicando que "a realidade é que non se renovaron contratos temporais con persoal "que non está na primeira liña da batalla da COVID-19". Así mesmo, a compañía matiza que o convite realizado ao persoal "de maneira voluntaria" a acollerse a opcións de "reorganización laboral" está destinado unicamente ao persoal non sanitario e "non esencial na crise da COVID-19".

En canto ao persoal sanitario, a empresa asegura que está contratando persoal "extra" para reforzar a xestión asistencial incluíndo a médicas, enfermeiras, auxiliares ou limpadoras. "Nas últimas dúas semanas reforzamos o cadro de persoal en Madrid con 20 médicos, 85 enfermeiras e outras 60 uxiliares de enfermaría para a xestión desta emerxencia sanitaria", informan.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/denuncian-despedimentos/20200323193030093655.html


© 2020 Nós Diario