Blogue | O Blogue da AELG

'"Contármonos", na Coruña', por Beatriz Maceda Abeleira

Hoxe temos o privilexio de compartir tempo e espazo co primeiro colectivo de mulleres escritoras na historia da literatura galega. Con catorce integrantes, elas son as primeiras e xa están a facer historia. As Comadres das Letras.

Este libro, Contármonos, cuxo título xa é toda unha declaración de intencións, non só é unha alfaia literaria, páxina tras páxina... é aditivo e ten, ata chegar as nosas mans, unha fermosa historia.

Imos ao curso 21/22. A área de cultura do Concello de Santiago e a AELG organizan un obradoiro cuxo tema central é tratar as personaxes femininas nas obras literarias.

A segunda parte era pensar na persoa que ía dirixir este obradoiro, e esa foi a escritora Eli Rios, podería ser outra autora, pero Eli ten algo que a fai especial, a súa capacidade de crear comunidade ala por onde vai, de acoller, de entender os sentires e por suposto o seu coñecemento  filolóxico e literario, e eu engadería, porque é moi importante, un gran sentido do humor, non é obrigatorio para dar un obradoiro, pero agradécese moito.

É certo que cando se forman grupos, non sempre é doado que funcionen, aínda que temos exemplos na literatura universal, como o grupo Bloomsbury, no que como sabedes estaba a escritora Virginia Woolf, a súa irmá Vanessa Bell… pois neste caso a sinerxia entre elas é total. Comezan a traballar as bases da literatura e xa hai xente que empeza a publicar como María Álvarez Landesa, que publica o seu primeiro texto, Como dúas crebas, coa editorial Medulia.

E nese obradoiro que comeza como un espazo puramente literario, chega unha cafeteira, algunha empanada, biscoitos, a tarta de cabaza de Eva, que xa me dixeron que é única.. deste xeito a literatura mestúrase cos afectos e co sensorial e, ese espazo empeza a ser o fogar dos sábados.

Cando remata este primeiro curso, quedaron  un pouco orfas, mais sobre todo con ganas de máis. Nese momento estaban nas Irmás Fernández de la Vega, co grupo de Miraxe e con Raquel que sempre tiña todo disposto á perfección e con moito cariño.

E, aínda que non soe acontecer, solicitouse un segundo obradoiro, xa que non soen repetirse coa mesma persoa, neste caso Eli Ríos, pero aí aparece Ramiro, un gran poeta, fundamental na AELG e, sobre todo, unha persoa moi receptiva e de gran sensibilidade, así que a súa resposta foi: veña, ímolo intentar! E conseguiuno!

Volve Eli Ríos con este colectivo de mulleres que xa están producindo textos dunha calidade brutal e conseguen romper esa barreira, que tan difícil é para todas nós cando comezamos, de "eu escribo, pero non publico". (Como poderedes ler, na parte colectiva do libro: Molesta, pero é porque ao final merece a pena)

Eli, trae unha idea xenial! As compañeiras que repiten obradoiro, teñen que coñecer como funciona o sistema literario e intentar publicar un libro. E esa é a idea: Que hai arredor da literatura? Xa que como en todo o que ten relación coa creación, hai unha parte moi fermosa e que desde fóra vese case como algo máxico, pero non o é, mais tamén, o sistema literario ten moito que ver co económico, co burocrático... e por iso o obradoiro contou, entre outras persoas, con Eva Mejuto para falar dos contratos, con María Reimóndez da tradución eu mesma que falei sobre o papel das bibliotecas escolares e Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e presidente da AELG, gran coñecedor do noso sistema, deste xeito podíase ofrecer unha visión xeral de todos os axentes que interveñen neste sistema á hora de publicar un libro e ter unha visión máis ampla.

Así, as compañeiras do primeiro ano intentan publicar un libro e as do segundo ano aprenden a parte da escrita. Pero velaí a maxia de cando un colectivo sabe compartir e tecer redes. O entusiasmo dese primeiro grupo espállase ao segundo, e estas compañeiras que acababan de chegar, voaron, e acolleron ese proceso de publicar un libro cun gran proxecto. Fixeron un dossier, coas súas imaxes, co que querían publicar, dimensións do libro...

E, agora, había que chamar ás portas e elixilas ben!

O técnico de cultura de Santiago, Suso Amado, converteuse nun cómplice, xa que lle encantou o proxecto. Probablemente porque detrás deste libro hai todo un traballo de memoria con perspectiva feminista, con Santiago de Compostela como espazo xeográfico, cunha investigación sobre mulleres no centro de saúde de Conxo, mais tamén outros espazos enchen este libro de historias: unha cociña, os corpos, a memoria, os zapatos... en resumo a memoria histórica das mulleres desde o que máis dano nos fai, a invisibilidade do que se entende como normal, ou collendo unha das frases deste libro... Pero a ninguén lle preocupa quen nos coidará a nós, ás que coidamos.

E este colectivo de mulleres afoutas, consegue subvención por parte do Concello e falan co editor Quique Alvarellos. Porque se é importante saber a que premios envías o teus textos, tamén o é a que editoriais. E, Quique Alvarellos, implícase desde o minuto un.

As comadres das letras, non só desfrutan da literatura, tamén de estar xuntas e de compartir afectos. E ese compartir, reflíctese neste libro que presentamos hoxe. Nel ides atopar poesía, relatos,  e un xeito moi orixinal na narración.

Recoméndovos que leades este libro, de vagar, xa que cada relato, cada poema, provocará en vós unha profunda reflexión. Son textos que nos removen no sofá, que incomodan desde o afecto e que reivindican a memoria das mulleres que sacharon nun silencio atronador.

Lembrade os seus nomes, porque son un novo faro na literatura galega. Elas son o colectivo literario 'As comadres das Letras'.

Beatriz Maceda
Beatriz Maceda

[Beatriz Maceda Abeleira é escritora, vicepresidenta da AELG e vogal pola Coruña]

Comentarios