Blogue | O Blogue da AELG

'25 anos despois', por Antonio Reigosa

[Antonio Reigosa]

A estas alturas do ano 1998 non sabía se ía escribir nin publicar algún libro algún día. Nin sequera ese primeiro que por razóns que non veñen agora ao caso acabaría escribindo e publicando antes do remate daquel mesmo ano. Así é, ás veces, este oficio de escribir neste país de urxencias e carencias, que se exerce en horas perdidas —hai quen dirá mortas— mentres outra xente, a maioría, ocupa o seu lecer con outros pasatempos.

Daquela, iso si, xa participaba doutros proxectos colectivos que axiña viron a luz como o Dicionario dos seres míticos galegos e os dous primeiros tomos da colección de contos galegos de tradición oral que se chamou Cabalo Buligán. Obras estas, ambas en coautoría con Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, que marcaron dalgunha maneira o noso —o meu con certeza— deambular polo sutil fío da folla de papel da literatura. Así, entre coser e remendar, páxina tras páxina, foron pasando 25 anos desde aquel que viu nacer Memorias dun raposo e nos que foron tomando forma outros proxectos que xa levaban tempo sementados.

Desde entón, paseniñamente foron nacendo outros libros de autoría solitaria ou compartida, todos ou case todos arredor da mesma filosofía de partida; achegar desde o berce da oralidade historias —mitos, lendas, contos...—, que, dunha ou doutra maneira, son raizame da nosa lingua e da nosa literatura coa intención de poñelas en disposición de seren degustadas por lectoras e lectores que por moi diversas razóns xa non teñen acceso directo a esas fontes primixenias.

Nos tres anos precedentes a este 2023 viron a luz estes libros. Con Guía de Campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan (Xerais, 2020), edición conmemorativa do décimo quinto aniversario da enciclopedia virtual Galicia Encantada, pretendín achegar ás aulas e á xente curiosa destes temas unha serie de mitos e lendas tradicionais, clasificados e organizados, co ánimo de facilitar o coñecemento das diferentes criaturas que poboan o noso imaxinario popular. A obra leva como anexo unha breve guía didáctica con recomendacións para realizar traballos de campo sobre o asunto.

Contrahistorias de Galicia (Embora, 2020) é un libro diferente, con ilustracións extraordinarias —Premio Follas Novas 2021—  da autoría de Rita Gutiérrez. Trátase dun compendio de máis de trinta contra-historias breves que teñen unha cara B, un envés ou lado pouco ou totalmente descoñecido, e que xeralmente non figuran nos manuais ao uso da nosa historia por non seren os seus protagonistas nin heroes nin heroínas.

Con Cen historias máxicas pola Mariña encantada (Lar Libros, 2020), unha obra con fermosas ilustracións de Neira Brochs, pretendemos viaxar polo patrimonio lendario dos quince concellos da Mariña lucense. Unha comarca moi heteroxénea, entre o mar e a montaña, e cunha riqueza inmensa en canto a espazos máxicos, tanto naturais como con forte pegada mitolóxica.

Letras das festas 2011-2020 (Concello de Lugo, 2021), escrito en coautoría con Lois Pérez, é un libro que recolle dez anos de andaina da revista oral do mesmo título. Revista que naceu para acompañar as festas de San Froilán de Lugo e que en cada edición tratou un tema diferente, sempre que foi posible coa intervención dos seus protagonistas e con acompañamento de músicas e imaxes que axudan  a facer memoria das festas patronais da cidade.

No mesmo ano viu a luz Episodios Mindonienses, (Embora, 2021), unha antoloxía de artigos e textos de tema mindoniense e ao ano seguinte Lugo de lenda, (Embora, 2022), obra esta que nos leva viaxeiros polos 67 concellos da provincia de Lugo, coa proposta dun percorrido por uns poucos dos milleiros de lugares  onde habitan os nosos seres míticos.

Como xa observarían, os temas escollidos están en relación co imaxinario cultural que fomos construíndo xeración tras xeración. En parte, porque é evidente que ese mundo que nos trouxo ata aquí está en serio risco de desaparecer, e tamén, a pesar de todo, porque seguimos crendo firmemente na capacidade que temos os humanos de construír futuro mentres teñamos memoria dun pasado idílico, máis ou menos idealizado.

Queda tras nós, como en todas as culturas con bagaxe, unha lembranza dunha Idade de Ouro que mantén un pé na lingua e outro na tradición cultural. Se  falla calquera deses apoios, sen moito tardar desaparecemos entre a ventada da historia como aruxos sen memoria, sen nada que contar.

Antonio Reigosa
Antonio Reigosa

[Antonio Reigosa é escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular]

Comentarios