Xubiladas e pensionistas da CIG rexeitan o aumento do período de cálculo a 30 anos

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, que se vén mobilizando arredor de cuestións como a atención ás persoas dependentes, a atención sanitaria ou as pensións, saíu de novo na mañá da quinta feira ás rúas das sete cidades para manifestar a súa "indignación" pola grave perda de poder adquisitivo que padece e para rexeitar a proposta de Escrivá de aumentar o período de cálculo a 30 anos.

cig
photo_camera Concentración do colectivo de pensionistas da CIG, o 1 de decembro en Ourense. (Imaxe: Nós Diario)

Nas diferentes concentracións de protesta convocadas, o colectivo de pensionistas lembrou que en xaneiro do ano pasado entrou en vigor a reforma que, segundo anunciou o Goberno de Pedro Sánchez, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC.

Porén, esa a actualización faise con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado. Nese sentido, explicaron que no ano 2021 as pensións sufriran unha perda do 4% de poder adquisitivo porque se revalorizaron nun 2,5%, que foi a cifra do IPC medio de 2021, en lugar do 6,5%, que foi a porcentaxe do IPC acumulado ao fechamento do ano.

"Agora, o mesmo Goberno que nos fixo tragar con ese calote anunciou que a suba das pensións de cara a 2023 será de arredor dun 8,5%", din, unha previsión que se fai así porque "calculan que o IPC medio de 2022 será aproximadamente desa cifra". "Veremos se non temos unha maior perda de poder adquisitivo cando se publique a cifra de novembro do IPC interanual acumulado, se resulta maior que ese 8.5%", advertiron.

O colectivo lembrou ademais que as e os pensionistas e xubilados galegos teñen as segundas pensións máis baixas do Estado, co que esa perda do poder de compra "supón termos cada día máis difícil afrontar os gastos dos produtos e servizos básicos para a vida diaria", aseguraron.

Aumentar o período de cálculo

Tamén protestaron pola reforma das pensións que o Goberno estatal ten comprometida con Bruxelas a cambio das axudas comunitarias. Advertiron de que a reforma "vai supoñer, unha vez máis, unha minoración das pensións futuras, das que cobren quen se vaia incorporando á xubilación a partir da súa entrada en vigor, que segundo o comprometido coa Unión Europea se publicará antes do 31 de decembro".

Ademais, demandaron a derrogación "sen demora" das reformas das pensións, "empezando pola de 2011 e incluíndo a de 2021".

Comentarios