Urbaser readmite o persoal despedido

Fíxoo ao incluír as 12 persoas que botara á rúa no continxente que na cuarta feira recolleu os lixo nas zonas declaradas de risco.

Urbaser
photo_camera [Imaxe CIG]

A empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo en Lugo, Urbaser, readmitiu na xornada de onte (18 de xuño) as 10 persoas que foran despedidas no primeiro día de folga. E fíxoo após as incluír no continxente de recollida das 40 zonas declaradas por Sanidade como de risco para a saúde pública. 

A decisión de Urbaser veu motivada por iniciativa do propio plantel de traballadoras e traballadores que se ofreceu voluntario para se desfaceren dos desperdicios acumulados en diversos puntos da cidade logo de 8 xornadas de paro. No entanto, a folga indefinida mantense en aras de exixir a Urbaser a actualización salarial correspondentes pois @s empregad@s contan cun soldo conxelado desde 2011. 

O plantel rexeitou recoller o lixo se non eran readmitidas as 10 persoas despedidas

Foi en asemblea onde o plantel de recollida do lixo lugués decidiu ofrecer ao Concello e a empresa levar a cabo as tarefas indicadas desde Sanidade. Porén, non sen atrancos, pois Urbaser mantivo paralizado o continxente durante horas ao se negar a readmitir @s despedid@s. Con firmeza a asemblea de traballador@s e o comité de folga rexeitaron saír á rúa se non era a totalidade d@s empregad@s. Por volta das 20.00 horas a concensionaria accedeu. 

Esta quinta feira (19 de xuño) unha manifestación convocada para as oito da tarde volverá reclamar a Urbaser melloras salariais nunha folga que xa vai pola súa oitava xornada. 

Comentarios