Os suplementos agrandan unha fenda salarial que na Galiza chega a 22,6%

O vindeiro 22 de febreiro conmemórase o Día Internacional pola Igualdade Salarial. A fenda salarial continúa e as cifras non variaron nos últimos anos. Un estudo presentado por UXT-Galiza indica que a diferenza entre o que cobran mulleres e homes no noso país é de 22,6% e afecta a todos os tramos de idade, nivel de formación e tipo de actividade. 
Oficina de emprego (Europa Press)
photo_camera Oficina de emprego (Europa Press)

A fenda salarial na Galiza é maior que no Estado español. Esta é unha das conclusións do estudo presentado onte por UXT-Galiza en base a datos da Enquisa de Estrutura Salarial 2010-2017. Segundo o informe, as mulleres galegas percibiron un salario anual medio inferior en 22,6% aos dos homes, distancia aínda superior á que se rexistraba en 2010, cando a fenda era de 21,8%. En relación ao anterior a baixada é de tan só 0,4 puntos. "En todas as variábeis, as mulleres percibimos salarios inferiores aos homes como todos os anos", explica a Nós Diario Mónica Rodríguez, secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UXT-Galiza. A fenda, sinala, é produto tanto das discriminacións retributivas como doutros factores, como a segregación por sexos existente no eido laboral, no tipo de contratación ou na distinta promoción nas empresas, entre outros factores. 

Os suplementos ao salario agrandan a fenda

As mulleres galegas perciben un salario medio similar ao que percibían os homes en  2005, se temos en conta que a diferenza retributiva anual entre mulleres e homes foi en 2017 de 5.488 euros, a máis ampla de todo o período analizado. Se se contabiliza a fenda salarial en euros, constátase como as mulleres na Galiza deixaron de percibir 2.752 millóns de euros no ano 2017, e isto deixando á marxe o traballo non retribuído que as mulleres desempeñan no eido familiar. 

"Se non se adoptan medidas, pode ir a peor", explica Mónica Rodríguez, "estamos vendo que a media dos salarios masculinos se revaloriza en maior medida que os salarios femininos, porque inclúen moitas cuestións e, polo tanto, seguirá agrandándose a fenda". Nos complementos salariais, a fenda elévase a 27,8%. Este dato supón unha das principais causas das discriminacións salariais en postos de traballo iguais. Desde UXT sinalan as dificultades que teñen para contar coas cifras dos suplementos. "Cando exiximos os datos salariais das empresas a parte de ter moitos problemas para conseguilos, moitas veces asígnanse de forma arbitraria ou non teñen unha xustificación obxectiva", sinala a sindicalista.

Desigualdade por tipos de contratos

No relativo á ganancia por hora normal traballada, as mulleres galegas, tras as canarias, murcianas e ao mesmo nivel que as estremeñas, son as que menor retribución por hora perciben   no Estado e o seu salario é un 13,8% inferior á dos homes galegos, e un 9,3% menos que as do resto do Estado. 

En relación aos contratos indefinidos, a fenda salarial media elévase a 6.209,29 euros e no caso dos temporais de 2.247,67 euros. Se se analizan os salarios no eido público ou no privado, a fenda persiste, aínda que é moi superior no sector privado, de 26,8%, fronte a 5,9% no caso do público.

Estudo e pensións

"As mulleres temos máis estudos universitarios que os homes e pola contra peor remuneración", sinala Mónica Rodríguez, "aínda que estamos máis formadas temos que empregarnos en ocupacións que non se corresponden coa nosa cualificación profesional", engade. Como exemplo pon que unha muller para percibir unha cantidade superior aos 18.400 euros anuais necesita, cando menos, dunha diplomatura, cando a un home lle chega cos estudos primarios.

Cando se abandona o mercado laboral, a fenda arrástrase, tanto no desemprego como na xubilación. A conta das prestacións por desemprego que perciben as mulleres é inferior á dos homes en 12,2%. O mesmo acontece coas pensións, cunha fenda salarial na xubilación que se eleva até 36,3% no ano 2019. "Un dato moi significativo é que a diferenza no importe da xubilación no ano 2002 na Galiza era de 178 euros e agora é de 410 euros", explica Rodríguez a Nós Diario.

Comentarios