A sobre-explotación nas obras do AVE págase en vidas, denuncia a CIG

A CIG presentou unha denuncia ante Inspección de Traballo para que investigue as condicións laborais que sofre o persoal en materia de riscos, xornadas... no tramo Lubián-Vilar de Barrio, onde morreron 2 operarios en dous meses.

sinistralidade laboral


En apenas dous meses dous operarios faleceron en sinistro laboral nas obras do AVE do tramo Lubián-Vilar de Barrio. Algo que a central nacionalista CIG entende que non é, nin moito menos, casual. Son, afirma, “só a punta dun iceberg de incumprimentos en seguridade laboral e material de seguranza por parte da UTE e das subcontratas que teñen asignadas as obras, “que se aproveitan da necesidade” causada pola crise económica”.

Por iso, o sindicato en Monterrei-A Limia interpuxo unha denuncia ante Inspección de Traballo en Ourense. Unha denuncia coa cal queren que se investigue non só as causas ou motivos dos falecementos, “tamén as condicións laborais que padece o persoal en materia de riscos, salarios, contratación, xornada e dereitos sociais”

Segundo a denuncia presentada “as xornadas superan as 12 horas sen respetar o descanso mínimo entre as mesmas” alén de estar sustentadas “en centos de pequenos contratos en defraudamento de lei, no que en moitas ocasións nen sequera se dá de alta aos operarios na Seguridade Social”.

Tampouco existen, afirma a CIF, partes de traballo nen de xornada na maioría das subcontratas, “co obxectivo de agochar as condicións reais de traballo”, e mesmo carecen de representación legal de traballadores, “descoñecéndose os integrantes do Comité de Seguridade e Saúde Laboral” nas obras.

Comentarios