As protestas polo funcionamento dos servizos de saúde mental na sanidade galega repítense ao longo de todo país. Desde a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Mariña veñen semanas denunciando que “o servizo de Saúde Mental da Mariña conta actualmente cunha soa profesional para atender todo o distrito sanitario, o que supón unha soa psiquiatra para unha poboación de 70.000 habitantes”. Segundo o colectivo, “esta situación, con dous dos psiquiatras ausentes sen substituír, afecta directamente a máis de 500 pacientes aos que habería que engadir familiares e coidadoras”.
O contexto é, aínda, peor na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. A este respecto, a deputada do BNG Montse Prado vén de alertar de que a zona “só conta, fóra da Atención Hospitalaria con tres unidades de saúde mental de adultos e unha infanto-xuvenil, todas saturadas, para atender 300.000 persoas”. Asemade, significa que “mulleres e nenas, que precisan de atención psicolóxica son derivadas aos Centros de Información da Muller” e lembra que “no mes de xuño de 2021 crearon a perspectiva de mellora, abrindo unha Unidade de Atención ao Suicidio que xa fecharon en outubro, tras só cinco meses aberta”. Ao tempo, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) suprimiu nesta área o psicólogo clínico de enlace entre os diferentes niveis de atención sanitaria.
Listas de espera
Os casos do distrito sanitario da Mariña e da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés non son unha excepción. Segundo os últimos datos ofrecidos pola Xunta da Galiza, 10.020 persoas agardan por unha cita de psiquiatría no Sergas, diferindo o tempo de espera en función das áreas sanitarias.
Así, o período de agarda para unha primeira cita na área sanitaria de Ourense é de 42,5 días, mentres que na de Ferrol é de 42, 4 días. Na área de Compostela-Barbanza o tempo de agarda está en 39,2 días, na de Lugo en 39,1 días, na área sanitaria de Vigo é de 38,5 días, na da Coruña de 35,8 xornadas e na área Pontevedra-O Salnés é de 35 días.
A psiquiatra da área sanitaria de Compostela-Barbanza Iria Veiga sinala a Nós Diario que “o tempo de agarda para unha primeira cita é razoábel, o problema está coas seguintes que leva a que as terapias en moitos casos non sexan efectivas”. Neste sentido, indica que, a diferenza doutras especialidades, "en psiquiatría precísase máis dunha consulta para determinar o problema do doente”.
Un problema de precariedade laboral
Veiga considera que “a Xunta tenta meternos na cabeza que o problema está na ausencia de profesionais. Porén, o problema está nas condicionas laborais que son moi malas a nivel de estabilidade. Hai compañeiros meus que seguen asinando contratos na pública por tres ou catros días e se non lles ofrecemos unha estabilidade mínima dalgúns meses é moi difícil que desexen traballar na sanidade pública”.
A situación non é mellor na especializade de Psicoloxía Clínica. O psicólogo clínico do Sergas José Berdullas comenta a Nós Diario que “nos últimos anos tense contratado máis persoal. Porén, a Galiza está á cola do Estado en número de psicólogos clínicos, con 3,5 profesionais por cada 100.000 habitantes, fronte a 5,7 por 100.000 da media estatal e moi lonxe de 18 por 100.000 da Unión Europea”.
Calidade asistencial
As consecuencias da falla de persoal déixanse notar nas listas de agarda e na calidade asistencial. A este respecto, Berdullas alerta que “desde que se pide unha primeira cita até que se realiza a primeira consulta adoitan transcorrer entre tres meses e un ano, co que isto implica para persoas con patoloxías de depresión, riscos de suicidio ou unha crianza sen problemas previos”.
Berdullas critica que “a secuencia das terapias é de tres meses, unha autentica vergoña que provoca que os doentes non poidan ser ben atendidos e xera unha gran frustración nos profesionais porque sabemos que nesas condicións non podemos atender ben a xente”. “O dereito a recibir un tratamento psicolóxico axeitado na sanidade pública non é real”, conclúe Berdullas.
A precariedade da Psicoloxía
O psicólogo membro do Movemento Galego de Saúde Mental José Berdullas destaca que na Galiza os profesionais de Psicoloxía Clínica "non chegamos a 100", malia que as recomendacións da comisión asesora de 1997 sinalan que se precisan 175 para prestar unha atención axeitada".