Parlamento

O informe da Valedora reflicte un "incumprimento" sistemático das listas de agarda na sanidade, din PSdeG e BNG

A Valedora do Pobo presentou esta terza feira o seu informe de 2021 ante as formacións representadas no Parlamento galego.

(Foto: Nós Diario)
photo_camera As forzas da oposición advertiron que os pacientes desaparecen das listaxes se rexeitan a atención na privada. (Foto: Nós Diario)

BNG e PSdeG denunciaron esta terza feira que a Xunta non respecta e "incumpre" sistematicamente "as listas de agarda" na sanidade pública, o que provoca "deixar pacientes no limbo" durante varios meses ou mesmo anos. Ambas as formacións políticas da oposición fixeron estas consideracións durante a presentación do informe da Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, correspondente a 2021. Este era o trámite final para a súa aprobación.

O informe de actividade da institución recolle un aumento de 34% no número de asuntos (de 2.912 a 3.936), mentres que se multiplicaron por dous os expedientes (de 5.387 en 2020 a 10.736 en 2021). En canto ás actuacións, que inclúen as queixas colectivas, a atención presencial e telefónica, ascenderon a 19.544 fronte ás 12.913 do ano pasado. A actividade tamén se viu incrementada na cifra de actuacións de oficio, que aumentaron 16% até 103.

En canto ás consellarías, a de Sanidade foi a que concentrou o maior número de asuntos, con 41,97%. Nos primeiros meses de 2021 o groso deles tiveron relación co proceso de vacinación. A medida que decorreu o ano, a porcentaxe de asuntos relacionados con outros asuntos.

"As casualidades non existen"

O deputado do BNG no Parlamento Daniel Castro subliñou que "as casualidades non existen" e "non todo é a pandemia". "É necesario marcar un límite temporal aos pacientes, que están a esperar nun limbo e teñen que ser atendidos", reclamou. Castro eloxiou o labor da Valedora do Pobo, para a que reclamou a dotación de máis e mellores medios. "Pasan os anos e os informes da valedora e as queixas seguirán crecendo", asegurou.

Pola súa parte, a deputada socialista Noelia Otero denunciou tamén que a Xunta non cumpre cos tempos de agarda máximos e que os pacientes son "derivados ao limbo" se rexeitan as chamadas para ser operados nun centro privado, deixando de contar nas estatísticas.

Otero reclamou ao Goberno galego que atenda as suxerencias da Valedora do Pobo, entre as que se atopan informar dunha data aproximada aos pacientes para as operacións. Os dous grupos da oposición tamén sinalaron a problemática das agresións lgtbifóbicas, recollidas no informe. PSdeG e BNG lamentaron que no pleno pasado non saíse adiante unha proposición non de lei na que se pedía que a Xunta comparecese nos casos xudiciais deste tipo.

Valoración do PP

A deputada do PP Paula Prado fixo caso omiso das críticas da oposición e destacou os aspectos "positivos" do informe da Valedora do Pobo sobre a Consellaría de Sanidade, por exemplo, as comunicacións en galego que se foron resolvendo. Ademais, destacou que boa parte das queixas debéronse ao proceso de vacinación contra a covid, "non polo mal funcionamento" da sanidade.

O PP fai caso omiso das críticas e incide nos "aspectos positivos" do informe

Prado, por contra, destacou por exemplo que a Deputación de Ourense foi a que menos queixas rexistrou das catro, cun total de seis, e denunciou que o Concello de Pontevedra non escoite á institución comisionada na rotulación dos carteis da cidade, unicamente en galego.

"Hai que garantir os dereitos lingüísticos a respecto das dúas linguas", salientou Prado, quen aproveitou para acusar o BNG de "seguir sendo o Bloque do 'non' por moito que se poñan o traxe da moderación". "Son impermeábeis á moderación", sentenciou.

Comentarios